Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Vigo, porta dourada de Galicia

Desde que George Borrow a tarde do 27 de agosto de 1837 chegou a Vigo, moitos foron os viaxeiros que escribiron marabillas sobre a súa visita a cidade nosa, a súa badía e a súa vizosa contorna campesiña. Impresións do vendedor de biblias inglés recollidas no seu libro “The bible in Spain” (1843), traducido ao castelán por Manuel Azaña e do que existe versión en galego de Salvador García Bodaño dos capítulos referidos a nosa terra no libro “Viaxe por Galicia” (Xerais 1990, 2015), no que a pesar do fraco negocio que fixo en Vigo e de que a cidade contase apenas cunha libraría atendida por un barbeiro, non renuncia a salientar que a beleza da súa ría “non podía compararse con ningunha outra do mundo”.

Afirmación que non emendaría o bretón Jules Verne, que visitou a cidade en 1878 e 1884 a bordo do seu iate ‘Saint Michel III’ e mesmo antes de facelo lle dedicara, o que semella incrible, o capítulo 8º da 2ª parte de “Vinte mil leguas baixo os mares”, titulado “A badía de Vigo” converténdose hai 150 anos no primeiro publicista literario de Vigo, ao tempo que facendo da nosa unha das principais cidades vernianas. Visitas que repetirían outras celebridades como Mata Hari, a mítica bailarina e espía neerlandesa que seguindo o relato dos xornalistas Manuel de la Fuente e Ceferino de Blas atracaría en Vigo até en catro ocasións, a derradeira en 1916, hospedándose no hotel Continental cando era seguida polos servizos secretos francés, inglés e alemán naquel Vigo portuario de referencia internacional.

Como tamén visitaría Vigo durante un par de días o inventor boloñés Guillermo Marconi que o 11 de maio de 1928 desembarcaría na Laxe a bordo do seu iate ‘Elettra’. Crónica dunha visita, recuperada por Xosé María Álvarez Blázquez no libro “A cidade e os días” (Monterrey 1960, Xerais 2008), na que o inventor da radiotelefonía e a súa dona visitarían acompañados dos señores de Massó a factoría de Bueu e onde lles suxeriu a idea de formar un museo e biblioteca do mar. Visita que quedaría inmortalizada na segunda páxina do libro de ouro da cidade e daría pé á polémica sobre o peche da estación de radiotelegrafía do monte Vixiador denunciada polos seus traballadores nas páxinas de FARO DE VIGO.

Particular interese publicitario para Vigo tivo a visita que hai un século fixo a fotógrafa norteamericana Ruth Matilda Anderson, recollida en centos de fotos e textos do seu libro “Pontevedra and La Coruña” (The Hispanic Society of America, 1939), documento bibliográfico extraordinario (do que non existe edición traducida) para recuperar as vistas do Vigo pétreo dende a propia ría e, sobre todo, a crónica do funcionamento da cidade e o retrato das xentes populares fotografadas na reportaxe do 17 de agosto de 1924 da festa de San Roque. Como tamén é moi valiosa a testemuña do escritor inglés Aubrey Fitz Gerald Bell recollida no libro “Spanish Galicia” (1922), traducido para o galego por Xosé María Gómez Clemente como “Galicia vista por un inglés” (Galaxia 1994), na que máis alá de gabar a beleza do emprazamento e as vistas da ría dende o pequeno santuario da Virxe da Guía sobre Os Canos, “unha das vistas máis bonitas de España”, salienta daquel Vigo que a súa felicidade consiste “no traballo feito como arela” nas súas actividades industriais e portuarias.

Con todo, considero que é o libro de Catherine Gasquoine Hartley, “Spain Revisited. A Summer Holiday in Galician” (1911), traducido tamén por Xosé María Gómez Clemente como “Un verán en Galicia” (Galaxia 1999, Rinoceronte 2021), o que mellor retrata dende unha ollada externa tanto o Vigo contemporáneo de comezos do XX como en xeral a Galicia de hai un século. A diferenza doutras viaxeiras, Hartley non queda na epiderme da crónica das impresións dunha viaxe iniciada na entrada do barco correo ‘Hilary’“na fermosa ría de Vigo ao empardecer” cando no luscofusco se adiviñaba o trebón. Paseando polas empinadas rúas e escaleiras viguesas, nunha cidade na que se “sentía a vida por todos os recunchos”, a escritora británica comprende que está noutra España” ben distinta á que imaxinara e que precisa coñecer a historia e a orixe da súa xente (especialmente das súas mulleres), a cultura, incluída a lingua e a literatura do vello reino de Galicia.

Hartley define a Vigo como “porta dourada de Galicia”, “unha cidade activa, fermosa e viva”, mais tamén como “cidade inzada de contrastes”, sendo o “vello Vigo a vila máis retorcida e incoherente que vin” e o “Vigo moderno a viva imaxe do renacemento de Galicia”. Un retrato certeiro que salienta a actividade industrial viguesa como celme que conforma “un brillante mosaico entre os zafiros xemelgos do mar e o ceo”. É a de Hartley unha ollada literaria sobre Vigo que non perdeu actualidade ningunha e que recomendo vivamente visitar neste tempo de confusión.

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats