Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Andrés Gaos, coprotagonista no 1932 do primeiro concerto de electrónica en Vigo

Ondas Martenot.

O francés Maurice Martenot (1898-1980) foi un militar, chelista e telegrafista durante a I Guerra Mundial, que presentou en París no 1928 o instrumento coñecido hoxe en día como Ondas Martenot. Instrumento monofónico, que está conformado por un teclado, un altofalante e un xerador de baixa frecuencia, producíndose o son por medio dun anel metálico que se coloca no dedo índice da man dereita, que fronte ao teclado determinará a altura da nota. A man esquerda fai uso duns controladores situados nun pequeno caixón, no que se poden variar as dinámicas e articulacións. É, xunto ao Theremin, un dos precursores dos actuais sintetizadores.

Un 6 de decembro de 1932 tivo lugar no Teatro García Barbón o concerto-demostración do instrumento electrónico. O acto, do que deu conta FARO na súa edición do 7 de decembro, foi organizado pola Sociedade Filarmónica baixo a denominación de «As músicas das ondas aéreas» e contou coa participación do seu inventor, Martenot, acompañado ao piano por Andrés Gaos.

O programa interpretado foi o seguinte: 1ª parte: Coral, Bach. Melodía, Gluck, Canto hebreo, armonizado, Pauer. Cantos Rusos, Lalo. 2ª parte: Largo, Haendel. Dous valses, Brahms. Canto indio, Korsakoff. Minuetto, Beethoven. Danza oriental, Korsakoff. 3ª parte: Suite, Caix D’Hervolois. Preludio, minuetto, lamento. Napolitana. Vals (o canario), Mozart. Canción do Solveig, Grieg. A mañán, Grieg. Centelleo, Florent Schmitt e Melodías populares. Xa fora de programa interpretouse Le Petit berger de Debussy, Gavota de Gossc, melodía imitando as guitarras das illas Hawai e por último imitación de trompas de caza con efectos de eco. Durante a execución, Gaos, debido ao dominio do idioma francés, explicaba as posibilidades do invento.

O son do instrumento foi cualificado pola prensa da época como cativador, inverosímil, sobrenatural, sorprendente, e se escribiu que era como un conto de fadas, que había bruxería nesa música das ondas e que oílo era trasladarse a un mundo descoñecido.

Crónica de FARO del primer concierto de música electrónica en Vigo en su edición del 7 de diciembre de 1932. FdV

No mesmo ano actuaron en A Coruña un 26 de abril, en Pontevedra, no Teatro Principal, un 2 de decembro, e estaba programado o día 13 de decembro no Teatro Losada de Ourense. Tamén visitaron Madrid, Barcelona, Valencia, Alicante, Zaragoza, uníndose a irmán, Ginette Martenot, autora de varios dos arranxos das obras interpretadas.

Compositores de renome como Messiaen, Boulez, Varèse, Milhaud, Honegger ou Jolivet utilizaron as Ondas Martenot nas súas obras. Tamén foron incluídas no cinema, en títulos como Lawrence de Arabia, Mad Max, Ghostbusters, Mars Attacks! ou Amélie, entre outras.

Antes de rematar, queremos destacar a figura do violinista e compositor Andrés Gaos Berea (A Coruña, 1874 - Mar de Plata, 1959), que pasou a súa infancia en Vigo, onde comezou a estudar violín e deu os primeiros recitais nunha das facetas menos coñecida como é a de pianista. Neste senso, o Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago de Compostela, coordinados por Montserrat Capelan, editaron no pasado 2020 un CD, no que se pode escoitar ao propio Gaos interpretar a súa obra ao piano.

No 1969, Martenot, nunha carta enviada ao fillo de Gaos, escribía: «A musicalidade do voso pai aparecía na súa estimable colaboración nos meus concertos […] A delicadeza de certas sonoridades do instrumento de Ondas esixía do acompañante unha finura de pulsación da que poucos pianistas acompañantes son capaces».

*Pianista e Doutor pola UPV. Membro da Asociación Cultural Pertenza

Compartir el artículo

stats