Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Analfabetos, incultos ou cínicos

Vaia por diante o meu aviso a navegantes, que, como as meigas, habelos hainos, de que non teño nada contra os analfabetos: a miña avoa formaba parte daquela tropa na que militaba ao comezo do século vinte entre o 60 e o 80 por cen dos nosos paisanos daquel tempo de señoritos e cortijos; grazas o seu sacrificio a miña nai tivo posibilidades de acceder ao ensino elemental e algo máis e, logo da súa entrega e traballo, eu puiden mesmo chegar á universidade. O que me indigna, me deixa estupefacto e descolocado é o cinismo dos incultos, estes que chamo eu analfabetos funcionais, porque non saben porque non queren e non hai peor cego que o que non quere ver, nin peor estúpido que o que non quere recoñecer a súa ignorancia.

A perversión que fan os nosos políticos das leis resulta ás veces aberrante, desconcertante e, dende logo, abraiante. Vivimos tempos de pandemia e virus, nos que o peor de todos resulta ser o virus do odio, o virus da memez, o virus da confrontación continua porque si. O euismo desenfreado, no que impera o primeiro eu, despois eu e de remate eu, e ninguén máis.

Frustrar, manipular, manosear e terxiversar intencionadamente –xa saben aquilo de meter mentira para sacar verdade– ten, sen dúbida, réditos políticos a curto prazo, pero non se pode enganar a todo o mundo, todo o tempo, aínda que algúns destes profesionais da mentira que viven do conto e medran culebreando entre lambecús incapaces e senvergoñas pensen e actúen convencidos do contrario.

Recordo agora o caso dun dos alcaldes da nosa zona, que defendía nos xornais –ante as directivas e chamadas á orde das autoridades competentes do executivo– que el incumpriu reiteradamente a Lei da memoria histórica aprobada polo Parlamento no ano 2007, que non existía motivo para cambiar os nomes de varias rúas da vila, porque, por exemplo, Calvo Sotelo, fora un mariñeiro de Tui.

Este resulta un triste caso dos moitos que aínda perduran polo país, dos que insisten en negarse a cumprir esta lei. Mais abusar torticeiramente da mesma, enganando interesadamente, ou porque simplemente es un analfabeto funcional e non sabes que fulano ou zutano, nomes ilustres de rúas, prazas ou lugares da túa vila ou pobo, non teñen nada que ver co franquismo, nin coa represión militar do seu réxime, é ben diferente.

Ai, se Federico García Lorca levantara a cabeza, tanto como loitou contra a ignorancia e o analfabetismo, levando a cultura de pobo en pobo, con aquel teatro da súa barraca! Ver para crer, analfabetos, incultos ou simplemente cínicos sen escrúpulos, esta é a cuestión.

Compartir el artículo

stats