Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Compañeiro Luís “Ferreiro”

Hai cinco anos Luís González López “Ferreiro” agasalloume cun pequeno triángulo vermello invertido, unha insignia que dende entón levo prendida orgulloso na lapela da miña chaqueta. Expliquei moitas veces que se trataba da marca empregada nos campos de concentración nazis para distinguir os presos políticos, inicialmente para os comunistas, despois tamén para socialistas, anarquistas, sindicalistas ou masóns. Un triángulo vermello que levaron algúns republicanos españois como Jorge Semprún, recluído no campo de exterminio de Buchenwald, ou Francisco Largo Caballero, prisioneiro do campo de Sachsenhausen durante dous anos. Hoxe o triángulo vermello é unha insignia que honra a memoria daquelas combatentes que a levaron hai máis de setenta anos, un símbolo orgulloso das persoas antifascistas das máis diversas adscricións, desde aquelas que non pertencemos a partido político ningún a outras de distintas formacións desde liberais a comunistas. Xaora, para min, esta pequena insignia será sempre a que identifica aos simpatizantes e seguidores do partido de Luís “Ferreiro”, os milleiros de persoas amigas dun home bo no que identificamos a dignidade e xenerosidade dun loitador incansable pola liberdade solidaria, a democracia plena e a procura da igualdade.

Falecido o pasado sábado, a admirable vida de “Ferreiro”, o seu nome na clandestinidade antifranquista, como tamén o de “Pedro”, foi toda dedicada ao compromiso militante coas causas da humanidade. Acompañando nas nosas viaxes polo país ao seu camarada o profesor don Xesús Alonso Montero, tivemos a fortuna de que Ferreiro nos contase algúns episodios da súa peripecia novelesca. Nacido en 1939 en Barreiros, na parroquia de Salgueiros, no concello de Vila de Cruces, o sétimo de oito irmáns dunha familia labrega, Luís foi como lle gustaba dicir, outro Balbino calquera, o protagonista das Memorias dun neno labrego (das que celebramos estes días o sesenta aniversario da súa publicación en Bos Aires), o relato do seu paisano Xosé Neira Vilas, a quen tanto admiraba. Con escasos días de escola, enrolouse aos quince anos nunha cuadrilla de cinco aprendices do mestre canteiro Silva (episodio narrado de forma memorable por Manuel Rivas no relato “El aprendiz”). Con apenas dezaoito, emigrou a Francia para traballar nunha mina de talco, preto dos Pireneos. Alí coñeceu, dous anos despois, a Pilar García Jiménez, unha militante comunista andaluza coa que casará en 1961, incorporándose ao Partido Comunista no exilio no que militará de forma ininterrompida durante sesenta anos.

Despois de asistir a unha escola do Partido na Alemaña democrática (1963), Luís e Pilar retornan a Galicia en xaneiro de 1967 e contactan con Carlos Núñez, responsable en Vigo do pecé. Dende entón traballarán na legalidade e na clandestinidade, Pilar na empresa de cerámica Álvarez, onde comezará a desenvolver a actividade sindical na construción das primeiras Comisións Obreiras, Luís pertencendo ao comité central do Partido Comunista de Galicia, constituído en 1968 en París, e asumindo a responsabilidade do aparello de propaganda e da distribución de “Mundo obrero” e outras publicacións do Partido. Como tal, “Ferreiro” vivirá o 5 de abril de 1969, un día moi decisivo na súa vida, cando foi detido na Coruña onde fora adquirir dous cartuchos de tinta para a multicopista Gestetner que el gobernaba en Vigo. Narrada por el mesmo no documentario O meu nome é Luís Ferreiro (2010) de Roi Cagiao e Fernando Llor, a detención suporá brutais torturas físicas e ameazas da policía en longos interrogatorios durante 72 horas, que resistiu con afouteza e heroísmo, ademais de sufrir logo varios anos de cárcere.

Tras a saída da prisión, traballou como porteiro nas instalacións da Zona Franca de Vigo até a súa xubilación. “Ferreiro” continuou desenvolvendo unha actividade constante, fose como militante esforzado do PCG e Esquerda Unida, como implicado na causa da memoria republicana de Galicia ou como membro da Coral Máximo Gorki de Vigo, actividade musical que moito lle prestaba xa que era un destacado cantor. “Ferreiro” cantaba só, sobre todo se as persoas amigas llo pedían en actos solidarios, nun repertorio antifascista onde non faltaba a canción do Guerrilleiro, a Internacional (en francés, subliñado o verso sete: ¡Le monde va changer de base!) ou a Chamada a folga, interpretación que quedará gravada para a historia na banda sonora orixinal do documentario Vigo 1972 (2017) de Roi Cagiao.

Recoñecido no seu pasamento de forma unánime e solidaria por todos os sectores antifascistas de Vigo, lembrarei con agarimo, respecto e admiración a Luís “Ferreiro” como un heroe contemporáneo que viviu co seu triángulo vermello tatuado no corazón. Beizón, compañeiro!

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats