Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Anos de formación de Remixio Nieto

Tiven o privilexio de compartir con Remixio Nieto González as aulas e o profesorado dun colexio de Pontevedra no cal, pesia a levar de Inmaculada, se respiraba a atmosfera máis aconfesional que lle era permitida a un centro docente no ecuador dos anos cincuenta dos século XX. Alí, un grupo de rapaces ideamos, e levamos á practica, unha revista que se titulou, na liña de Lamas Carvajal, O Tío Pizocas. Remixio Nieto aliaba a súa disposición ás artes plásticas cunha decidida entrega á filosofía que nunca había de o abandonar no resto da vida, que acaba de extinguirse. O Tío Pizocas tiraba uns poucos exemplares mecanografados e dibuxados a man. Non estaba sometido a xénero ningún de tutela (menos, de censura). Depositábase na biblioteca provincial e nos locais de Acción Católica para ser lido xunta con Litoral, semanario local de Pontevedra. Remixio, sempre na ponte de mando de O Tío Pizocas.

Ao pouco tempo fundamos outra revista semellante, esta de carácter bilingüe, co título, un pouco pomposo, de Vox Iuvenum, se mal non me lembro. Entón tivemos un problema co director da revista católica Spes, vagamente herdeira da Logos anterior á guerra, o que nos levou a interromper a nosa publicación. Pasaron os anos e Remixio Nieto González convertiuse en pintor, ensaísta, poeta. Publicou pouco dada a prudencia e pulsión autocrítica que lle eran innatas. Desde o intre no que, como mestre en propiedade se fixo cargo da escola de Mougás, e logo do colexio de Oia, Remixio entregouse á misión educadora con toda a súa alma e o poder da súa intelixencia. Concebía o ensino como algo que debía extenderse, tamén, á sociedade adulta. E nesta práctica verqueu fértiles esforzos dos que resultaron brillantes realidades socioculturais como foran unha biblioteca pública en Baiona ou a asociación de veciños de Mougás.

Especializado, en canto profesor, nas materias de plástica e de francés, nas que era altamente competente, Remixio foi un educador nato que vivía en función ética permanente. Coido que, a derradeira etapa profesional do meu amigo previa á xubilación, transcorreu no concello de Poio. Entre as múltiples curiosidades de Remixio, encontrábase a Historia. Poucos souberon antes ca el que, no Orlando Furioso de Ariosto, unha princesa galega se fai ao mar en Santa Marta de Baiona. El foi quen me falou, por primeira vez, das misteriosas cruces que o pobo gravaba nun punto de Baredo coñecido como A Volta Dos Nove.

Coido que a última vez que abracei a Remixio Nieto González foi no acto de inauguración do monumento, obra de Fernando Casás a aquelas nove vítimas do feixismo. A vida foinos levando por carreiros distantes e non convivimos tanto como el e eu poidemos desexar.

Agora son sabedor da morte de Remixio e pásanme en procesión horas da nosa distante adolescencia en Pontevedra naqueles nosos anos de formación. Séxalle a terra leve ao amigo íntegro, sabio e xeneroso.

Compartir el artículo

stats