Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carmela Silva

#25N Asasinos de mulleres

Sei que sorprenderá o título. Sei que soará moi forte, pero creo que é a hora de chamar ás cousas polo seu nome. Escoitaba estes días afirmacións sobre que a violencia que se exerce sobre as mulleres “é unha enfermidade social”, que a mellor vacina é a “educación en liberdade” e, ata incluso, que “é unha pandemia”.

Pois ben, non. A violencia machista é o sistema social global no que vivimos. Ás mulleres maltrátasenos e asasínasenos porque o machismo ten a súa base na lexitimación para utilizar a violencia co fin de lograr que a muller se comporte conforme á orde social establecida. ¿Hai alguén que non admita que a sociedade, tal e como está construída, non está sustentada en códigos de dominación masculina sobre a subordinación feminina? Espero que non, aínda que hai moitos que negan esta realidade incuestionable.

Así que deixémonos de eufemismos. Os asasinatos de mulleres non se producen porque existan homes “enfermos”, a violencia contra as mulleres non é unha “enfermidade” e non se cambiará esta cruel realidade cunha “educación en liberdade”. A violencia machista é a clara consecuencia da discriminación, da determinación de roles desde o mesmo momento do nacemento e do terrible desequilibrio de poder entre mulleres e homes. Esta situación só se reverterá cun cambio radical no sistema social e con políticas contundentes que favorezan a igualdade, os dereitos humanos e a xustiza social. As chamadas á liberdade sen igualdade e sen xustiza, son “palabrería” para manter un sistema social, cultural e económico que sitúa á metade da poboación na subordinación, na submisión e na ausencia de dereitos.

Os datos referendan o que contundentemente afirmo. As mulleres somos máis do 50% da poboación, realizamos o 52% das horas traballadas no planeta, pero só posuímos o 10% do diñeiro propio, o 1% da propiedade da terra e o 1% da riqueza mundial. ¿Hai ou non hai un sistema que nos impide alcanzar a metade de todo o que nos correspondería? Poderían darse moitos datos máis pero os aportados sinalan claramente as consecuencias do modelo sociolóxico dominante que é o masculino. Así que, falemos claro e non permitamos máis frases ocas para dedicar un día ao ano a aparentar que hai preocupación pola situación da metade da humanidade.

Os datos sobre maltrato e asasinatos son dramáticos. En España 2,8 millóns de mulleres sufriron violencia sexual e máis de 4 millóns agresións físicas. Os asasinos machistas acabaron coa vida de 1.074 mulleres desde 2003, 41 no que vai de ano. A última macro enquisa de violencia sobre a muller (2019), revelou que o 57,3% das mulleres teñen sufrido algún tipo de violencia ao longo da súa vida (11,3 millóns). E quédense con este dato da ONU, tamén de 2019, 243 millóns de nenas e mulleres foron vítimas de violencia física o sexual. ¡Estremecedor!

Así que temos que chamar ás cousas polo seu nome, con toda a súa crueza e realidade. Asasínannos por ser mulleres. E temos que poñer o foco nos agresores e asasinos. Porque si, son asasinos de mulleres.

*Presidenta da Deputación de Pontevedra

Compartir el artículo

stats