Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ernesto Lecuona: antes de Para Vigo me Voy

Coa composición Para Vigo me Voy, conga que expresa os sentimentos dos emigrantes en Cuba que regresan a súa lugar de orixe, Lecuona presentou a Vigo cunha tarxeta de visita inmellorable e con elo fíxolle á cidade unha publicidade sen precedentes, que serviu de referente a moitas xeracións. A obra foi escrita en 1935, letra de Francia Luban e traducida ao inglés por Al Stillman como Say "si, si". Os primeiros en levalo ao disco foron Xavier Cugat e a súa orquestra (1935) e Lecuona Cuban Boys (1937). Nos EE.UU converteuse nun éxito cando foi gravada por The Andrews Sisters e Glenn Miller (1940) e os Mills Brothers (1953). A partir desta última data os arranxos cóntanse por centos, contribuíndo xunto ás transmisións radiofónicas e televisivas a unha popularización extraordinaria. No 1996 Carlos Núñez dálle un novo pulo á obra o incluíla no seu álbum A irmandade das estrelas.

Ernesto Lecuona Casado (Guanabacoa, A Habana, 1895 - Santa Cruz de Tenerife, 1963) era fillo de Elisa Casado e do xornalista canario Ernesto Lecuona Ramos. Comezou a estudar piano coa súa irmán Ernestina, compositora que no 1897 xa presentara a habanera Luisa, o vals ¿Baila usted? e os pasodobres España e La Cruz Roja. Compositor fecundo, foi autor de varios centos de obras, considerándose a si mesmo como un fervente devoto da música clásica.

Antes da composición de Para Vigo me Voy Lecuona actuou no Teatro García Barbón xunto as cantantes italianas María Fantoli, afincada en Cuba e Eugenia Zúffoli, afincada en España, concretamente un 15 de agosto de 1932. Sabemos que Cuba é un país que ten un folclore rico e variado en ritmos, por iso Lecuona definiu a súa música como "afrocubana que no es sino una estilización, una aristocratización de motivos populares". Neste senso o repertorio escollido para interpretar no García Barbón, na referenciada data, estivo dividido en tres partes e configurado por boleros, cancións, congas, danzas, guarachas, romanzas de zarzuelas, etc; en concreto estes foron os títulos, no que todas as composicións ou transcricións eran de Lecuona: Ya sé que me olvidaste, Lamento africano, Canto carabalí, Canto negro, Nunca me quisiste, Como yo no hay dos e Rosa la china por Lecuona e Fantoli. Canto caribe, María la O, Siboney, La chavala, romanza de Chapí, El frutero e La conga se va por Lecuona e Zúffoli. ¿Por qué te vas?, Lola está de fiesta, Mis tristezas, Danza lucumí, La paloma de Iradier, Danza española, Malagueña e Danza negra por Lecuona a piano só. Aquella tarde e Ten go una guariirita polas dúas cantantes e Lecuona. Os tres artistas continuaron a súa tourné por Galicia, actuando o 18 no Teatro Principal de Pontevedra, 19 no Teatro Jofre de Ferrol e o 24 no Círculo das Artes de Lugo. Un 22 de abril de 1933 volta a actuar no García Barbón, esta vez coa súa famosa Orquesta Típica Cubana con Blanca Negri, vedete, Carmen Burguete, cancionista, Pilar Calvo, bailarina, Weeno, Bravo e Gody, estilistas, Grecia e Mario, parella de baile e Luís Maravilla, guitarrista.

Vigo dedicoulle unha rúa a Ernesto Lecuona, situada na actualidade preto do número 163 de Ramón Nieto, e nos inicios do século XXI o Festival de Música Latina, que se celebrou no auditorio ao aire libre de Castrelos, recibiu o nome de Para Vigo me Voy. Grazas maestro Lecuona por facernos sentir afortunados!

*Pianista e Doutor pola UPV. Membro da Asociación Cultural Pertenza

Compartir el artículo

stats