Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Romance sentimental galego

Naceu María Francisca de Isla e Lousada no ano 1734, ou sexa, uns cen anos antes que Rosalía e os coetáneos desta que chamamos Precursores. Da leitura das cartas que lle escribiu a ela seu irmanastro o Padre Isla e que circularon moito en edición da Biblioteca Clásica Española (1885) sacamos en conclusión que María Francisca emitiu luces na súa contemporaneidade e cativou sentimentalmente con intelixencia e dotes naturais moita xente darredor.

En primeiro lugar, ela tiña encantado o medio irmán e autor do Fray Gerundio de Campazas, xesuita nomeado e malquerido pola Inquisición. O que era crego vello de Fruíme, Diego Antonio Cernadas e Castro (1698-1777), declárase en ben de versos galegos admirador e mesmo namoriscado da brillantísima dona. Sábese que marquesas contemporáneas, coma a de Camarasa e a de Leis, adoptaron como modelo social e mesmo ideolóxico a María Francisca de Isla.

Ora si, un poema (sempre no galego que domina esta sucinta crónica) do noso admirado Xosé Andrés Cornide Saavedra e Folgueira(1734-1803), está dedicado a unha misteriosa dama chamada liricamente "Fílida". Cornide era do tempo de María Francisca. O poema, un soneto, trata de amor imposíbel usando do símil do paxariño preso en redes ineludibeis. Lonxe, revoa a verba alada de Catulo. O galego esplende na pluma de Cornide naquela segunda metade do século XVIII, cando xa chegaba a independencia de América e a Revolución Francesa.

Algúns desconfiados que naceron cen anos despois de Rosalía e Pondal e doucentos máis tarde que Cornide e María Francisca, sospeitan que a "Fílida" do soneto encobre a identidade real da nosa poetisa dazaoitesca, casada co administrador do Estanco do Tabaco Nicolás de Ayala. O soneto sería escrito por Cornide na súa casa da praza de Santa María do Campo, a Coruña. María Francisca, igual ca Rosalía, mandou queimar os seus papeis antes da morte. Só nos resta o fume das suposicións prerrománticas e un cheiro a "Pamela ou a Virtude Recompensada", de Samuel Richardson.

O primeiro abade de Fruíme estaba instalado na xeración inicial do protonacionalismo, con Sarmiento. Agora encontrámonos na liquidación bonapartista do século XVIII. E alí foron queimados os poemas en galego de María Francisca de Isla. Non sendo un, que salvou o patriotismo e erudición de Carlos Martínez Barbeito, neto de Martínez Salazar. O poema que sobrevive de María Francisca fora conservado por Xosé Cornide e, entre os seus papeis máis íntimos, permanece na Academia de la Historia de Madrid. Salvar a casa de Cornide da apropiación indebida que exerce sobre ela con impunidade a familia de Franco supón tamén liberar a memoria aferrollada de María Francisca de Isla e Lousada.

Compartir el artículo

stats