Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Da conxura dos necios

É o malo que teñen as frases célebres: tal e como acontece coas armas de fogo, funcionar si que funcionan; ferir, ou matar, si que feren ou matan. Agora ben; contra qué ou contra quen se disparan, iso xa depende, nin que dicir ten, daquel/daquela que vaia accionar o gatillo. Xa que logo, e como significa o vello adaxio, vén ser o demo o que se encarga ás veces de cargalas. Acaso mesmo bastantes, demasiadas veces, e de aí o moito cuidado que cómpre ter na hora de seleccionarmos os seus usuarios.

"Cando no mundo xorde un verdadeiro xenio, é posíble identificalo por este sinal: todos os necios veñen conxurarse contra el". Desde logo, xentes como o actual presidente dos USA, Mr. Donald Trump; esoutro máximo dirixente da República Federativa de Brasil, o Sr. Jair Messias Bolsonaro, ou, máis próxima ao noso devir cotián, a ilustre marquesa de Casa Fuerte e arquiduquesa popular, Dna. Cayetana Álvarez de Toledo, e a xulgarmos polos seus comportamentos no día tras día, semellan estar convencidísimos de que veñen resultar eles, e tan só eles, os verdadeiros protagonistas da sentenza de Johnatan Swift (iso supoñendo, claro está, o cal parece moitísimo supoñer, que fosen ler o autor de "As viaxes de Gulliver" e/ou aínda a excelente novela de John Kennedy Toole) e, xa que logo, así mesmo os exclusivos capacitados para determinar se habemos de inxectarnos lexía en vea e/ou confeccionar as listaxes do terrorismo. En fin, dito/escrito está que o universo gusta de funcionar tanto por similitudes como paradoxos.

Porque nun paradoxo -ou, mellor aínda, nunha verdadeira contradictio in terminis- tal si que parece que esteamos a habitar cando contemplamos situacións como a descrita no parágrafo anterior: é que, en efecto, erguidos no cume do poder, resultan ser os propios necios os que inculpen desa mesma eiva a todos os que se atreven a contradicilos; asemade proclámanse os lobos, e como se tal cousa, vítimas das ovellas; acusan aos seus contrarios de ditadores aqueles e aquelas que xamais foron capaces de condenar a ditadura; incriminan aos demais de insensatos, neglixentes e mesmo asasinos en serie xentes que descuidaron, desatenderon, desmantelaron...,elas mesmas, calquera previsión ou cuidado; redactan informes policiais os prevaricadores (quen nos defende, daquela, dos nosos defensores?); desinforman os encargados de informar; tireille pedras a unha maceira e caeron avelás; polo mar corren as lebres e polo monte as sardiñas, imos contar mentiras, tralaralalá. Coitados Swift e Toole!

Desde logo, se vivísemos nun mundo de veras democrático -democrático, non falo desoutros de Yupi, o País do Preste Xoán ou calquera utópica utopía-, sería pouco menos que imposible que un representante do terraplanismo, un militroncho pailán ou unha aristócrata avinagrada do século XVII tivesen a máis mínima audiencia ou, polo menos, puidesen alcanzar prestixio como para se alzaren a postos de responsabilidade. Claro é, así mesmo, que nesa democracia os vixías terían que vixiar, os policías perseguir os delincuentes -e non artellar exclusivas para "Sálvame"-, os ministros non se atrapallaren e contradiciren os uns/as unhas aos outros a diario, os países e comunidades artellaren medidas comúns e consensuadas, etc, etc, etc. Ou o que vén ser o mesmo: un espazo onde os necios non puidesen pasar dismo mesmo: da súa pura e dura necidade.

Aseveran algúns que "calquera tempo pasado foi mellor". Nunca foi este cronista partidario de tal ditame. Agora ben; se na vez dos Konrad Adenauer, Robert Schuman, Jean Monnet, Alcide de Gasperi, Winston Churchill... fosen determinados dirixentes actuais os encargados de artellar Europa nos anos 50, moito é de temer que continuaríamos a soñar pesadelos nas trincheiras de Verdún. Así mesmo, se, en lugar de Manuel Fraga Iribarne, viñesen ser os Pablo Casado, Isabel Díaz Ayuso... os encargados de chegar a acordos con Santiago Carrillo e Felipe González, a Transición deviría, certamente, moi, pero que moi transitoria. En fin, coido que máis vale non pensar sequera onde irían parar o New Deal, o desembarco de Normandía ou o Plan Marshall se a dirección e cuidado dos mesmos estivese nas mans do actual inquilino da Casa Branca.

Na narración de Kennedy Tool -e a pesar de todos os pesares, propios e alleos: velaí a ignorancia de Dr. Talc, a maldade de Lana Lee, a ineptitude do patrulleiro Mancuso...-, Ignatius J. Reilly acaba sendo salvado por Myrna, ambos sentados nun vello Renault, camiño do Golfo. Non perdamos, daquela, a esperanza.

Compartir el artículo

stats