Suscríbete BLACK WEEK

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

50 anos do "Polycommander"

Hai medio século da semana inesquecible do Polycommander, que marcou a memoria da miña xeración. Todo comezou cando o petroleiro noruegués de 230 metros de eslora, pretendía saír da ría pola canle Norte. Ás catro e vinte da madrugada do martes 5 de maio de 1970, cargado con 49.414 toneladas de cru da variedade arabia lixeiro, bateu nas pedras de Cíes, á altura da Punta Muxieiro, diante da praia de Figueiras na illa norte. Un encallamento de causas dificilmente explicables que destruíu a sala de máquinas e abriu unha fenda de tres metros no casco do costado de babor, pola que comezou a verterse o contido dos tanques 5 e 6, onde se aloxaba case un terzo da carga.

Derrame que, tras varios estoupidos de orixe nunca aclarada, deu paso a un incendio pavoroso da embarcación, fabuloso espectáculo seguido con asombro e preocupación polos vigueses durante corenta e oito horas dende o outeiro do Castro ou os miradoiros de Camelias ou do Paseo de Afonso (como no caso noso), e que foi cubrindo cunha densa nubada tanto a ría como a propia cidade. Marea negra, na que se derramaron até 18.000 toneladas de petróleo, que durante anos deixaron as súas inconfundibles pegadas de pichi (chapapote) en todas os nosos areais e da que medio século despois se conservan aínda pequenos vestixios nalgunhas rochas dos cons de Mougás e Monteferro.

Daquela primeira gran traxedia ecolóxica da ría de Vigo conservamos algunhas fotos impresionantes tiradas con enorme afouteza dende unha lancha de oito metros por Magar e por Freire, os reporteiros gráficos deFARO DE VIGO e "El Pueblo Gallego", así como algunhas crónicas xornalísticas moi valentes para a época sobre a precariedade dos traballos de extinción do incendio por parte dos bombeiros vigueses, das dificultades das tripulacións de varios pesqueiros para conter a marea cos medio artesanais que idearon ou dos efectos do orballo de cinzas sobre os cultivos do Val Miñor.

Porén, carecemos aínda dun relato contrastado capaz de explicar as razóns que provocaron o accidente e o alcance dunha marea negra, que chegou á portada da revista "New Yorker" en maio de 1973, mais que as autoridades franquistas de Mariña pretenderon minimizar e reducir ao vertido controlado de apenas mil e pico toneladas de petróleo. Un naufraxio iniciado, como tantas outras veces, por unha circunstancia inesperada, nesta caso a necesidade dunha arribada forzosa ao porto de Vigo para desembarcar a tripulante Karin Alstad, que corría o risco de sufrir un aborto e quedaría ingresada no sanatorio de Troncoso. Unha situación que obrigou ao capitán Mr. Strom Olsen a recalar en Vigo na noitiña e unhas poucas horas despois, xa de madrugada, recuperar a rota iniciada en Sidón (Líbano) cara ao seu destino, o porto bretón de Donges, a carón de Saint-Nazaire.

Un sinistro absurdo do que se descoñecen aínda as súas causas, xa que resulta inexplicable como foi as pedras unha embarcación que contaba co moderno sistema de navegación Decca e con axudas suficientes. Non se comprende como dende a ponte, na que debería estar aínda Joaquín Miller, o veterano práctico do porto de Vigo, asesorando ao capitán, ao primeiro oficial e ao temoneiro, non se iniciou coa antelación necesaria o cambio de rumbo a estribor. Unha manobra equivocada que a Autoridade Militar de Mariña atribuíu ao capitán noruego, mentres que para aseguradora Lloyd's e para os organismos internacionais de loita contra contaminación mariña, como o CEDRE francés (ao que tantas veces acudimos procurando información na marea negra do Prestige), correspondeu a unha neglixencia do práctico do porto de Vigo.

Un naufraxio no que se salvaron os 39 tripulantes, entre eles tres mariñeiros de Ribeira, cuxo bote salvavidas foi remolcado nunha arriscada manobra polo pesqueiro Centinela, un dos primeiros en acudir ao auxilio do petroleiro. No entanto, foron algúns os feridos e catro os queimados de importancia (mariñeiros de reemprazo) das tripulacións dos buques da armada, como o cruceiro Canarias, a fragata Legazpi e o remolcador de altura RA-1, participantes nas tarefas de extinción, xunto aos remolcadores do porto Elduayen e Serviola. Como tampouco se dispón dun informe técnico que explique a actuación con máis vontade que acerto de oito avións do exército do aire e dun helicóptero que pretenderon axudar nos labores de extinción, antes da chegada da aviación norteamericana e a súa choiva nociva de dispersantes aromáticos sobre a ría, o que provocou danos para a flora e a fauna mariña, o que supuxo importantes consecuencias para a pesca de baixura e nas colonias de aves.

50 anos despois, paga a pena recuperar a memoria daqueles días do Polycommander, axuda a mellor valorar o tesouro da ría, o noso primeiro patrimonio da humanidade.

stylename="070_TXT_inf_01"> bretemas@gmail.com

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats