Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

HISTORIA

Suárez participou en numerosos mitins, facendo gala dunha posición moderada

Coa entrada do novo ano, a anunciada paralización das obras do ferrocarril serviu para que o movemento obreiro ourensán tomase novos folgos. As folgas de 1932 vivíronse, en efecto, con especial intensidade na provincia de Ourense e constituíron unha boa oportunidade para poñer a proba a fortaleza das diferentes organizacións que pugnaban polo seu control. A documentación interna do PCE insistía en considerar ao partido como "director do movemento" ao tempo que se autoflaxelaba por non ter sido quen de enlazar as reivindicacións obreiras dos campesiños e a loita de masas coa cuestión nacional galega; porén, o certo era que nin os comunistas capitalizaron as protestas nin o destacado seguimento das mesmas serviu para que a súa militancia experimentase un crecemento substancial. Daquela é probable que Benigno Álvarez xa levase meses ostentando a máxima responsabilidade do partido en Ourense a xulgar pola súa posible presenza no IV Congreso celebrado en Sevilla no mes de marzo e pola súa inclusión entre os membros do Comité Central ese mesmo ano.

Nos meses seguintes, o labor de Álvarez e Manuel Suárez estivo en gran parte consagrado a estender as súas respectivas organizacións pola provincia. Velaquí a activa participación de M. Suárez en numerosos mitins en diversas aldeas nos que sempre fixo gala dunha posición moderada fronte ao maior radicalismo doutros compañeiros de tribuna. Novamente elixido delegado no XIII Congreso do PSOE, tivo ocasión de reiterar a súa posición -que era a da inmensa maioría do partido en Ourense- a prol do mantemento da colaboración cos republicanos para evitar unha involución en sentido dereitista e preservar os logros sociais e laborais. Por iso a ruptura da coalición e a decisión do partido de concorrer en solitario aos comicios de novembro de 1933 tiveron que representar un motivo de pesar para Suárez Castro, novamente candidato frustrado pois, con 29.258 sufraxios, quedou a preto de trinta mil do derradeiro deputado electo. En adiante, o proceso de radicalización dun importante sector do partido -en Ourense limitado, en esencia, ás Xuventudes e a contados afiliados- non faría outra cousa que ir en aumento.

Pola contra, o PCE, seguía amosando unha manifesta incapacidade para dar un salto cualitativo no que a número de militantes se refería: unicamente 85 na capital -con todo, só superado por Vigo no que as sete cidades galegas se refire- e pouco máis dun centenar e medio no conxunto da provincia de acordo cos datos de V. Santidrián. Malia isto, o partido presentou unha candidatura para competir polos sete postos reservados ás maiorías nas eleccións de novembro de 1933 encabezada por B. Álvarez e na que figuraban ademais Nicanor Vázquez, Manuel Docampo Pousa, José Silva, Domingo Mateo Dobao, Castor Gómez Pérez e Eduardo Araujo: o veterinario de Maceda foi, con moito, o máis votado obtendo, segundo os datos tirados do BO da provincia, 3.198 sufraxios, 569 deles na capital da provincia.

Paralelo ao proceso de radicalización experimentado despois da desfeita electoral, teñen lugar os primeiros intentos de acción unitaria entre as forzas esquerdistas da capital. En febreiro de 1934 asínase o pacto da Fronte Única, na que confluíron socialistas, comunistas, anarquistas e un bo feixe de sindicatos e asociacións obreiras da capital, a maioría delas vinculadas á UXT ou a sindicatos autónomos afectos á Casa do Pobo, algúns moi penetrados polos comunistas, caso da Sociedade de Canteiros, antano dirixida por M. Suárez Castro e do Sindicato da Madeira. Como resultado do acordo, constituiuse un Comité Executivo composto por dous delegados das sociedades uxetistas e outros tantos en representación dos sindicatos autónomos e das sociedades campesiñas dos arredores da cidade. A Agrupación Socialista, as Xuventudes Socialistas e Comunistas, o Radio Comunista, o grupo anarquista local e "cada organización proletaria que tenga vida propia y que se adhiera a este frente único" tiñan reservado un asento cadanseu no devandito órgano, que debía favorecer a creación de comités de taller, barriada, campesiños, etc. "habiendo condiciones favorables para esto". Esta era unha evidente concesión -en certa medida formal, dada a imprecisión coa que estaba redactada, pero moi significativa- da teórica maioría socialista aos comunistas, que dende meses atrás facían votos pola constitución inmediata dos comités de fronte única. En calquera caso, un inequívoco síntoma de que as mormas posicións que o mandatario socialista abandeiraba comezaban a estar en franco retroceso dentro do movemento obreiro ourensán.

O PCE, consciente do predominio uxetista e cenetista no eido sindical, non agachaba o seu interese en transformar a política de Alianza Obreira patrocinada polo PSOE nunha organización de base que, en certa medida, lembraba aos soviets. As diferenzas ideolóxicas e o marco de actuación sindical deberían subordinarse á consecución dunha estratexia de loita conxunta contra o fascismo que aspiraban a dirixir gracias a súa preparación ideolóxica e á cohesión interna que amosaban fronte aos seus aliados/competidores. Os socialistas ourensáns, fieis seguidores das consignas recibidas de Madrid, preferían un acordo sindical posto ao servizo dunha estratexia revolucionaria de asalto ao poder na que coincidisen os sectores máis avanzados do proletariado, e non unha simple fronte antifascista coa que tamén podían comungar elementos pequenoburgueses que nada tiñan que ver coa dictadura do proletariado e a loita de clases. Os comités de base patrocinados polos comunistas non eran, para eles, máis que organismos accesorios que puideron ter sentido na Rusia tsarista pero non no Estado español, onde o proletariado xa se atopaba encadrado nas súas respectivas sociedades e sindicatos.

Derrota electoral

Con todo, a derrota electoral, a saída do PSOE do Goberno e a radicalización dos sectores máis novos non significaron un abandono das institucións por parte de M. Suárez. Máis ben aconteceu o contrario, pois ao longo de 1934 tivo ocasión de continuar traballando como concelleiro unha vez que a mediados de febreiro desde ano foi destituído do seu cargo de deputado provincial por orde gobernativa xunto con outros compañeiros de corporación. De feito, cando o PSOE deu a orde de principiar o movemento revolucionario de outubro levaba un mes á fronte da alcaldía logo de que Antonio Álvarez Dopazo presentara a súa dimisión o mes anterior e se atopase en uso de licenza ao estoupar a folga.

Había meses que as forzas da orde tiñan sometidos a estreita vixilancia aos líderes máis coñecidos do PSOE e o PCE ourensán. Isto explica a rapidez con que se produciron as primeiras detencións gobernativas logo da declaración do estado de guerra. Tamén había tempo que circulaban numerosos rumores sobre a existencia dun pequeno arsenal de armas e municións en mans da cúpula ourensá do PCE. Salud Torres Díaz, detida por posesión de propaganda clandestina, declaraba ao ser interrogada polo xuíz militar que "sólo Benigno Álvarez es quien puede decirle alguna cosas de estas porque le supone enterado, por ser, según cree, el Secretario Político, que es la persona de mayor responsabilidad dentro del partido, y nunca le manifestó nada más de lo que se le pregunta, y además hacía varios días que no le veía antes de estallar el movimiento" .

En calquera caso, o intento insurreccional non se conciliaba precisamente ben coa defensa das teses socialdemócratas de renunciar á conquista violenta do Estado burgués e empregar a presenza socialista nas institucións para mellorar as condicións de vida da clase traballadora que sempre defendera o dirixente socialista ourensán; pola contra, Benigno Álvarez e numerosos dirixentes locais do partido e líderes dos sindicatos máis radicais próximos aos comunistas implicáronse activamente no movemento. Na capital, estes acontecementos quedaron reducidos a un paro de solidariedade, tamén secundado polos empregados municipais. Este feito foi determinante para o que gobernador civil radical, Simeón Ibars Arresté, atribuíse ao alcalde en funcións a principal responsabilidade do paro. De feito, foi acusado -a título de simple "rumor público"- de garantir que a corporación non tomaría represalias se aqueles secundaban a folga. Por esta razón sería desterrado da cidade en compaña doutro compañeiro de corporación, José Fernández Pérez, do sindicalista Ramiro Pérez Serrano e do secretario da Agrupación da Dependencia Mercantil e Bancaria Eladio Moure Rey, ambos os tres militantes socialistas e, como o primeiro, afiliados ao "taller" masónico Constancia nº 13, aínda que daquela M. Suárez, simbólico "Jaive Vera", xa levase arredor de dous anos afastado dos círculos da Masonería.

O PCE responsabilizou aos socialistas do fracaso da insurrección pola súa falla de decisión, pois, segundo eles, os obreiros da provincia estaban predispostos a apoiala. Aínda máis significativo é o testemuño do daquela militante da trotskista Izquierda Comunista, o mestre Armando Fernández Mazas, que ofrece unha radiografía, seguramente moi aproximada, da situación real da esquerda ourensá máis radical en vésperas de Outubro: "(...) entonces teníamos las Alianzas Obreras, era nuestra consigna, la unión de la CNT y la UGT para oponerse revolucionariamente a los problemas sindicales que podía haber; y los comunistas no participaban de eso, querían (...) el frente único por la base; era una doctrina descabellada (...) y no querían participar en alianzas obreras hasta última hora (...) El partido [socialista] en Orense era un cacicazgo de Manuel Suárez Castro (...), 'los amigos de Manuel Suárez' podía titularse aquel partido; no tenían idea de nada y se dejaban ir con Prieto, con el liberalismo de Prieto; entonces la Juventud Socialista iba con los de Madrid (...) Los partidos entonces eran minúsculos, presumían de potencia y tal y no tenían base ni tenían nada (...) Hubo varias huelgas (...) pero nada, nada, no se puede decir que hubiera, porque no estaba la cosa preparada tampoco, no... Quizá plantara algunos obreros, así, algunos... ¡Huelga!, que es como se respondía para colaborar con algo, y algunos sí, algunos sindicatos (...) cerraron las puertas" .

A represión que seguiu ao movemento insurreccional repercutiu moi negativamente sobre o socialismo ourensán, que xa viña perdendo posicións na Casa do Pobo en favor dos comunistas, ao peche desta última e de numerosas sociedades agrarias e sindicatos afíns houbo que engadir o cese en pleno do concello da capital. As autoridades gobernativas colixiron a pertenza a "partidos extremistas revolucionarios" dos concelleiros que o integraban polo apoio á folga dos encargados da limpeza, bombeiros e gardas municipais e de arbitrios, proba inequívoca da súa actuación "con vistas al movimiento desde que tomaron posesión de sus cargos". A quen non podía ser considerado como pertencente a tales organizacións se o destituía "por su negligencia en sus funciones".

(*) Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats