Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Calamidade e coxuntura

Lembro o día en que a novela La Peste, de Albert Camus, caiu nas miñas mans uns dez anos despois de ser editada, o cal ocorrera en 1947. Coincidía a miña lectura coa dura loita de Liberación Nacional de Alxeria. O escenario da novela é un Oran francés, e non do FLN. A obra produciume unha sensación de extrañeza, sensación, esta, que Camus soubo inducir moi sabiamente nalgunhas das súas narracións. Os ratos saíndo das cloacas e subterraneos de Orán para depositar nas beirarrúas un vómito negro de morte levou a miña imaxinación a épocas pretéritas nas que a Peste, unida á Fame e á Guerra, aterrorizaban e condicionaban a vida da Humanidade.

Na miña adolescencia e mocidade, erradicadas terribeis infeccións, só os maiores lembraban, de moi lonxe, o tempo do cólera e os non tan vellos estragos da gripe ou influenza que ceifou moita vida durante a Grande Guerra Europea. Polo tanto, o ensaio literario de Camus, que imaxina unha peste medieval nunha cidade francesa dos anos cuarenta do século XX, pareceume un anacronismo. Sinto, agora, no corpo un calafrío. Estamos a vivir un anacronismo. No mundo en que vivín non acordo nada semellante; apenas acontecementos de epidemias relatados polos anciáns.

Non hai persoa viva hoxe que sufrise experiencia previa parecida a isto que estamos a vivir. Polo que se mira, o coronavirus de hoxe provoca reaccións psíquicas como as que provocaban aquelas pestes de antano, sempre unidas a outras calamidades e mortandades. A incerteza a respecto da continuidade persoal e grupal produce medo e os humanos vense obrigados a asumir o valor necesario para conseguir a supervivencia.

Sempre se considerou a peste como porta doutro tipo de calamidades. Os que mellor abesullan os movementos do poder están agora co ollo posto. Os estados de alerta sono sempre de excepción e resultan proclives ao autoritarismo. Que o Estado deba intervir cun mando firme no acontecemento da pandemia non pode facernos esquecer que é posíbel xestionar a situación democraticamente dos xa privilexiados.

Sempre as calamidades produciron grupos oportunistas e emerxentes que se benefician da necesidade. Os mesmos que, até hoxe, clamaban por un estado "adelgazado" e pola hexemonía absoluta do poder económico capitalista xa están en primeira fila reclamando a flor das axudas que o Estado lle debe ao conxunto do pobo. Reximes neoconservadores, prefascistas ou mesmo fascistas poden xurdir dunha mala administración dos Estados na crise da pandemia coronavirus. Por iso, a esquerda non debe abandonar a política crítica nin un só intre nestas horas amargues. O capital, estean seguros diso, aproveitará, seguramente xa o está facendo, o que soe chamarse "coxuntura". Pouco despois de ceder a peste imaxinaria de Oran, aquela cidade deixou, e para ben, de ser francesa.

Compartir el artículo

stats