Un asombro que para a nosa incredulidade amosa que estes abraiantes e paradóxicos anos vinte agochan un mundo en imprevisible mudanza inzado dos medos provocados pola emerxencia climática, polos desastres meteorolóxicos de tremendos temporais e longas secas, pola aparición dos novos autoritarismos trumpianos e xenófobos en todo o mundo, polas crises económicas periódicas dun capitalismo financeiro impaciente, polas aplicacións da intelixencia artificial e da robótica, polas crises humanitarias de millóns de persoas migrantes ou por esta inesperada pandemia... Tolos anos vinte que a ficción actual da BBC e HBO intentaron representar en series impactantes e moi recomendables como "Years and Years" (2019), un inquedante prognóstico sobre o noso futuro inmediato, mais que como sinalou o poeta Lois Pérez estes días nun seu chío memorable non poden aínda superar á "realidade no seu achegamento á morte, como límite invariable e absoluto da vida". Tempos nos que a pesar de todo hai espazo para a inocencia, a curiosidade e a construción dun mundo alternativo sempre que abandonemos o noso espazo de comodidade e esteamos dispostos a preguntarnos como podemos contribuír a atopar unha saída para a comunidade humana á que pertencemos.
Estado de alarma que en pleno curso obriga a quedar na casa aos escolares durante canto menos catorce días, o que obriga ás familias a adoptar novas rutinas para facer fronte a unha situación excepcional e para evitar na medida do posible os prexuízos que este peche poida provocar no seu estado emocional e desenvolvemento académico. Todo un reto para cada familia obrigada a procurar da noite para a mañá un novo modelo de conciliación e organización dos coidados e das súas actividades. Unha situación difícil que por ventura está contando co apoio e o compromiso do profesorado que dentro das posibilidades e dos recursos dispoñibles da tecnoloxía educativa dixital de cada centro ofrece actividades académicas e orientacións formativas. Un tempo de reclusión familiar onde ademais da realización destas tarefas escolares as crianzas deben dedicar un tempo específico para a lectura, outro para a tele, outro para o movemento, outro para a comunicación dixital cos seus colegas e familiares, como unha hora para os xogos de mesa de todos os membros da casa, sen esquecer a súa implicación nas tarefas domésticas de limpeza e cociña, o que fomenta a súa responsabilidade e a súa autonomía. Unha reclusión que ademais obriga a toda a familia a compartir a información dispoñible sobre a pandemia e as persoas adultas a non ignorar os medos e dúbidas dos menores sobre a súa evolución.
Esta inesperada parada forzosa na casa é unha oportunidade para que crianzas e persoas maiores asuman que é tamén a súa mellor achega para paralizar a transmisión dun virus tan nocivo. Unha experiencia, non exenta de molestias e horas de aborrecemento, que axuda a comprender que a saúde e a vida das outras persoas depende do que cada un de nós faga, como a nosa do que fagan todas elas. Concibido así o noso illamento, como un exercicio de corresponsabilidade onde cada un co seu comportamento contribúe ao benestar do conxunto, non só aumentan as posibilidades de derrotar ao virus, tamén a de saírmos reforzados como comunidade. Unha superación da pandemia que se producirá, máis tarde ou máis cedo, grazas ao noso servizo de sanidade pública e ao compromiso dos seus profesionais, que debemos preservar e defender como o tesouro precioso de propiedade colectiva que é. Unha saída á que contribúen nestes días difíciles outras heroes anónimas como as caixeiras dos supermercados e o persoal ao servizo das administracións que preservan a nosa seguridade e o funcionamento dos servizos públicos. A todas elas, saúde e aplausos.
stylename="070_TXT_inf_01"> bretemas@gmail.com