Non houbo Reconquista e si, polo contrario, unha conquista cristiá da península Ibérica. En efecto, tal e como escribiamos a semana pasada e neste mesmo lugar, acerta ben Henry Kamen en "La invención de España" á hora de deseñar o proceso de deconstrución dun dos mitos máis persistentes na procura da identidade hispana. En efecto, quen se achegue a Covadonga, poderá apreciar alí non a verosimilitude histórica senón, antes ben, o resultado da imaxinación e da inversión dos católicos do século XIX.

No entanto -e como tamén xa ficou apuntado- elude o historiador e hispanista británico no seu volume un apartado ben esencial: explicar, detallar? que, xustamente, durante esa mesma xeira foi cando se puxeron, con todo, os alicerces, os piares das nacións culturais -ou rexións, ou comunidades?, como teimen en denominalas- que hoxe mesmo persisten entre nós. Nacións culturais unha das cales, ademais, deveu cedo en (proto)nación-política. Desde logo, estamos a referirnos a Portugal.

Manexaron, de certo -e manexan algúns aínda-, os nosos irmãos da outra beira os seus propios mitos nacionalitarios. Sen dúbida, aquel que acode a unha cronoloxía máis arredada resulta ser o referido a Viriato e á Lusitania. Deste xeito, a historiografía tradicionalista -neste, e noutros apartados, tan idéntica á española- de alén Miño buscou atopar na identificación da provincia romana, creada arredor do 29 a.C. -e nesoutra dun dos seus ilustres moradores- cun sentimento de indómita, "nacional", resistencia ao invasor romano, os primeiros momentos da epopea patria. Xa que logo, Viriato "primeiro grande heroe (coñecido) portugués?". A ver: a capital da Lusitana estaba asentada en Augusta Emérita; é dicir, nunha cidade situada dentro dos lindes de España. Canto ao propio "pastor lusitano", de que lado da fronteira hispano-portuguesa foi nacer realmente? Ten, pois, de veras algún sentido cualificalo de "portugués" e/ou "español"?

Calquera de Vdes. que viaxe á fermosa cidade, poderá atopar doadamente co centro histórico de Guimarães aquelas letras que anuncian orgullosamente: "aquí nasceu Portugal". Nin que dicir ten, tal rótulo fai relación á batalla de São Mamede (1128) na cal as tropas de Afonso Henriques derrotaron a esoutras do conde galego Fernán Peres de Trava que buscaban, da súa parte, asegurar o seu dominio no Condado Portucalense. Toda vez que D. Afonso viría resultar o primeiro rei de Portugal, velaí a lóxica do cartaz. Mais, no fondo, trátase dunha inscrición que, na procura da veracidade histórica, acaso debería mellor sinalar estoutro etiquetado: "aquí começou a nascer Portugal".

Porque se ben é certo é que, tal e como xa adiantamos, o reino de Portugal alcanzou os seus límites actuais por volta de 1249 -trátase, polo tanto, da primeira nación política (ou proto-nación política) en acadalos no conxunto europeo-, a realidade é que as diferentes voltas e reviravoltas da historia peninsular ben puideron determinar outra cousa diferente. Sen ir máis lonxe, descoñecemos qué devir podería ter acontecido se en 1640 o conde-duque de Olivares tivese podido dispoñer das tropas suficientes para atallar a sublevación en favor dos Bragança. Ou o que vén ser o mesmo: para alén do mito, o certo é que non houbo nunca ningunha sorte de diktat histórico que conducise, si ou tamén, desde a nación cultural portuguesa -un traxecto iniciado a partir do século XII- ao estado de Portugal.

"Si nos preguntamos si había unha nación en España en el siglo XIX, la respuesta -escribe outra volta Henry Kamen- es que había muchas, porque España existía como unha comunidad de naciones. La evidencia es irrefutable. Nadie era máis consciente de esto que los reyes de España."

O mito español estableceu/establece, porén, que lles corresponde aos Reis Católicos a "gloria" de ter conformado a "unidade de España": un éxito, entón, á canda desoutro ideolóxico -a unidade relixiosa; velaí a expulsión dos xudeus- e lingüístico-cultural, co "triunfo" do castelán sobre as linguas e culturas das outras zonas da península. Vitoria, en fin, da que, polo demais, viría dar cumprida mostra o denominado "Século de Ouro": Cervantes, Lope de Vega, Calderón?

Agora ben; unha cousa -como de novo precisa Kramer- é a lingua escrita e outra, moi difrerente, aquela(s) que efectivamente se fala. E, en efecto, dimana moi evidente que até o século XIX unha boa parte -ou máis ben a maioría- dos nacidos en Cataluña, País Vasco, Navarra ou Galiza dificilmente sabían expresarse -e xa non digamos por escrito- en idioma castelán. Situación, polo demais, ben semellante a esoutra lingüístico-relixiosa vivida en Andalucía e Valencia por aqueles andaluces ou valencianos de orixes islámicas até que Filipe III decretou a súa expulsión --unhas 325.000 persoas, un terzo da poboación de Valencia; o total dos reinos hispánicos andaba polos 8,5 millóns- entre 1609-1613. En fin, nin a ideoloxía nin, en calquera caso, os recursos existentes daban, durante o reinado de Fernando e Isabel e esoutro dos seus continuadores, para levar a termo unha uniformización e/ou castelanización dos seus diversos dominios. En consecuencia, tan só coa feitura do estado liberal ao longo do XIX -e coa necesidade, por parte deste, de dotarse do seu propio mito mediante a construción dunha nova visión do pasado- é que a España xeográfica se artellará de veras na España-nación(estado)-política: un proceso, claro é, que continúa aberto no tempo que estamos a habitar.