Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Hong Kong

Ao termo da súa longa loita contra o imperalismo xaponés, o PCCh, por voz de Mao, proclamou o nacemento, para os séculos futuros, da República Popular Chinesa. Non dixo nada a respecto da República Comunista Chinesa, que aínda terá que agardar a que madurezan as condicións necesarias para que exista. China, con Mao, defrontouse, tras construir a teoría da contradicción, ao imperialismo norteamericano, sen deixar de se arredar da degradación do socialismo soviético. Persiste a bandeira vermella na que campan os símbolos do poder chinés en forma de estrelas de ouro. A grande, que avisa do proletariado dominante. As cativas: o campesiñado, o campesiñado pobre, a burguesía nacional a pequena burguesía.

O que sempre dixera Mao Tse-Tung, ou como queira que hoxe se traslade foneticamente o nome do Mestre. Primeiro o Imperio quixo oporlle a illa de Taiwan, co nome de China Nacionalista, a Pekín. Foi van o intento e a China duradoira, agora so gobernación comunista, destituiu Taiwan e pasou a localizala na sombra da caverna platónica. O imperio yankee achou en Sinkiang, ou Turkestán, chineses musulmáns e encabreados que martirizaran estatuas de Buda moitos anos antes de que os talibáns da CIA bombardeasen as de Afganistán. Mandou o Imperio americano panos da cabeza para as mulleres chinesas de Sinkiang demostraren o seu anticomunismo islámico: febles resultados. Mormente hogano, intre no que se venta a fartura na Rota da Seda.

Intrigou USA en Mongolia Interior, pero esta resiste á insidia e mantén a súa lingua e aqueles cabalos e curros de cabalos tan semellantes aos galegos. Tamén a CIA foi por Tibet, e mesmo desprazou o Dalai Lama fóra da súa patria. O Dalai Lama é un suxeito da miña idade que soe rir coma parvo e que carece de fundamento político. A versión politeísta e arcaica do budismo que rexe no Himalaia non foi capaz de conmover a república vermella de Mao, que respectou os seus mosteiros. E mesmo, sorprendentemente, a nugalla dos freires ululante e mentalmente capados. Finalmente, o ataque a China centrou a visión do seu láser ideolóxico en Macau e en Hong Kong os derradeiros territorios que a RPCh recebeu de mans coloniais grazas á paciencia infinita de Pekín. En Macau non se move ninguén, satifeitos que alí están dos beneficios recibidos do comunismo. Pero en Hong Kong hai contrarrevolución permanente pro capitalista. Non se resinan a ser un territorio especial no que o Partido Comunista Chinés xoga, e bolsa, o seu xadrez internacional de esquerda e queren, uns xoves chineses con corazón e faciana xaponesa, voltar oa pasado. Por iso lles miramos arborar (con mediño) bandeiras norteamericanas e británicas.

Compartir el artículo

stats