Como sen dúbida han de coñecer ben todos os, sempre moi amables, lectores destas liñas, velaí que, nun auto con data no pasado 25 de febreiro, o maxistrado do Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 da "villa y corte", D. José Yusty Bastarreche, foi decretar en suspenso a decisión do Goberno presidido por D. Pedro Sánchez, referida á exhumación dos restos de Francisco Franco. De acordo co moi atento xuíz, acontece, daquela, que as obras previstas polo executivo das Españas veñen carecer "das garantías técnicas e mecánicas que poidan poñer en perigo a vida ou a integridade física dos técnicos e operarios" que interveñan no referido labor. Toda vez que a lousa do sartego de quen fora o "Caudillo de España por la gracia de Dios" pesa arredor de 2000 kg., estamos diante de algo "complicado de seu, difícil de manexar e polo tanto perigoso polo risco evidente de caída, rotura ou calquera outro accidente que poida suceder e que, a súa vez, poida causar danos ás persoas que realicen as obras", conclúe o señor maxistrado.

Nin que dicir ten, desde os sectores abeirados ao pensamento progresista están a chover as reprobacións e críticas mil diante de semellante (moi previsible) imprevisto. Así, non falta quen veña lembrar que estamos perante dun declarado inimigo da Lei da Memoria Histórica, a cal, e segundo as súas propias palabras, "representa o resentimento, a ansia de vinganza e o odio dos vencidos na Guerra Civil en estado puro, sen mestura de grandeza diante daqueles que a gañaron". Desde logo, hai que recoñecer que aí é nada, o amigo D. José!

Mais así as cousas, este modesto cronista entende aínda que talvez algo de razón non lle falte, ao cabo, ao Sr. Yusty Bastarreche. Quero dicir/escribir que convén sempre termos moito tino, andar con pés de la, respecto das cousas do Alén. Tentarei explicarme de contado.

De certo que todos Vdes. teñen en mente, por exemplo, o episodio relatado nos Evanxeos -Xoán, 11- referido á resurrección de Lázaro de Betania. Pero asemade han de resultar igualmente uns cantos aqueles que fagan memoria dun amigo de D. Pedro Pubill Calaf -máis coñecido como Peret-, apelidado Blanco Herrera, ao cal lle pagaron o seu salario e "sin pensarlo dos veces, salió para malgastarlo." Aconteceu, entón, que, logo dunha semana de festa, o ghicho "perdió el conocimiento" e "como no volvía a casa, todos lo dieron por muerto". Mais non estaba morto, nada diso. Moi a pesar de que lle xa lle montaran un velorio, de que lle rezaran a novena, de que lle perdoaran as débedas e de que o fosen enterrar con pena, o amigo Blanco Herrera non estaba morto, non non, que estaba tomando cañas, lerelelé, lerelelé!

Pois ben; segundo informaron os diferentes medios nos pasados días -este venerable rotativo arreo na vangarda- eis que por toda Sudáfrica adiante, desde Capetón a Pretoria, andan as boas xentes moi revoltas logo de visionaren unha gravación en vídeo na cal o reverendo Alph Lukau, fundador da igrexa Alleluia Ministries International, e durante un sermón celebrado en Johannesburgo ante miles de persoas, acadaba retornar á vida a un colega -con todo o aspecto de futbolista suplente e distraído, recén chegado a un equipo de Segunda División- o cal, en xeito de penitente na procesión das mortallas das festas do Nazareno, na Pobra do Caramiñal, fora deitarse (ou foran deitalo) no correspondente ataúde. "Levanta e anda!" ou como se veña dicir a cousa en xhosa, zulú, sesoto ou tsonga.

Lou Reed -"Said, hey honey, take a walk on the wild side"-, Withney Houston, Michael Jackson, Celia (azúcar!) Cruz, Kurt Cobain, Lady Di e Dodi Al-Fayed, Amy Winehouse... a lista daqueles que foron "vistos" polas rúas e parazas do Outro lado -algún tal semella que foi, volveu acó e retornou finalmente aló- dá, desde logo, para pensarmos. Iso si: a todos eles cómpre sumarmos sempre a D. Mick Jagger, a D. Keith Richards, a D. Ron Wood, a D. Bill Wyman e a D. Charlie Watts (en realidade, este último ten domicilio no Museo Británico), se ben que, no seu caso, ese ir e vir ao Averno como Petro/Peter pola súa casa non constitúa máis que outro dos diversos privilexios que acompañan a súa calidade de (Satánicas) Maxestades.

En fin; en calquera caso, moito cuidado arreo co Alén! Con certeza, non vai entrar este, seu, modesto cronista a discutir, aquí e agora, os verdadeiros motivos do Sr. Yusty Bastarreche respecto da exhumación de quen fora xeneralísimo dos exércitos patrios. Non obstante, coido ben que cabe pensarmos que, cando o ilustre maxistrado fala do "perigo de accidente para os operarios da exhumación", acaso se refira ao sobresalto, arrepío e consternación de infarto que lles pode sobrevivir logo de abriren, primeiro, a lousa e comprobar a ausencia do defunto para, a continuación, seren interpelados por D. Francisco en corpo e alma e de retorno ao fogar. E é que, tal e como o protagonista da xenial rumba do xenial Peret, certamente o noso protagonista non estaba morto, non non, que estaba de parranda. Chévere, que chévere, cheveré!