O vindeiro domingo, día 10 de marzo do 2019, ás 12:00 horas, terá lugar a presentación do libro As Andrómenas e outros contos no salón de actos do Museo Casa do Patrón de Codeseda (Lalín), acto ao que convidamos a tódolos veciños da Comarca de Deza e ao público en xeral. Esta obra é unha pequena testemuña de dúas persoas con vidas paralelas que se ispen cara ao mundo nas ribeiras do Asneiro, un pequeno río de Lalín, tributario do Deza, que lle da nome á nosa comarca. Unha serie de 32 relatos curtos baseados en feitos reais, mesturados cos pensamentos imaxinarios e mesmo coas visións oníricas argalladas polas pantasmas das nosas atormentadas mentes.

A través dun continuo contraste e mesmo dualidade -dúas vidas, dúas ribeiras do mesmo río, dous mundos: o dos ricos e dos pobres, o material e o espiritual, o terreal e o alén, o dos emigrados e dos que se quedaron atrapados nesta terra, dúas linguas, o galego e o castelán, dous infortunios, un na máis tenra infancia, o outro en plena xuventude, tamén escrita con dous estilos literarios ben diferentes, un cheo de ensoñación e o outro, máis narrativo e realista-, o libro constata configuración holística e integral do ser humano, e a súa incontestable unidade cos seus semellantes, co universo e con Deus, formando un todo indivisible.

Aínda que moitas das Andrómenas relatan algúns dos feitos máis duros, conmovedores, tráxicos e mesmo arrepiantes da nenez e xuventude destes dous cativos, que lle deixaron unha indeleble ferida no fondo corazón, o lector non debe interpretalos en ningún caso como algo negativo que lle reste valor, respecto ou fermosura á existencia humana; máis ben ao contrario, pretenden ser un auténtico canto ao amor, á vida e ao incalculable valor dos limitados días que Deus tivo a ben concedernos para gozar do apaixonante, pero tamén tortuoso sendeiro que percorremos no noso curto peregrinar polo mundo.

Tamén pretende ser unha homenaxe aos milleiros de galegos que padeceron a lacra da emigración, que se viron obrigados a vivir lonxe da súa familia durante anos, loitando por mellorar, cambiar a súa vida, traballando en terra estraña, nas condicións máis penosas.

Oda a Galicia

Pero, ante todo, o libro é unha auténtica oda a Galicia e as súas xenerosas xentes, unha constante invitación a que lector faga unha profunda reflexión sobre a inmensa valía dos nosos antepasados, que co seu exemplo de vida, traballo e sacrificio foron capaces de sacar a familias enteiras da máis profunda miseria, sen o menor lamento, non esquecendo en ningún momento os valores esenciais do ser humano, como o amor, a lealdade, a xenerosidade e o espírito de sacrificio, ollando cara atrás sen rancor e encarando o futuro con esperanza.

Grazas a estes xigantes do espírito dos que nos sentimos ben orgullosos, milleiros de nenos galegos como Avelino e Manolo, os autores do libro, tivérono todo: tivemos cariño, un apoio incondicional, a mellor compañía do mundo, un amor infinito, fomos criados como verdadeiros príncipes nun mundo de escravos, comemos entre os que pasaban fame, fomos ensinados na mellor universidade que existe: a da vida, conseguimos sorrir nun val de lágrimas, aprendemos a ler cos que non sabían facelo, a ser valentes aínda estando mortos de medo, a adiviñar a luz na escuridade, a atravesar o lume sen queimarnos, a camiñar cara adiante sen ver o sendeiro, a crear oportunidades onde non as había, a non perder nunca a esperanza no medio da desesperación, a loitar con fe cega por aquilo no que cremos, a percorrer o longo camiño de caseiro a patrón, convertendo ademais a nosa aldea natal que estaba a piques de ser abandonada, nun espello da calidade de vida que se pode acadar no mundo rural galego.

*Presidente da Asociación de Amigos da Cas do Patrón e coautor de As Andrómenas e outros contos, xunto a Avelino Jácome