Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Vivendas vacacionais en Ons

O problema das vivendas vacacionais, apartamentos e habitacións en Ons, era un tema que sabiamos ía a saltar. Non sabemos o que cobrarían os encargados de redactar o PRUX, pero ao facelo ao gusto e conveniencia dos pagadores (Consellería de M. Ambiente) moitas cousas ían quedar no tinteiro e, esta, era unha delas.

Nas nosas alegacións aos diferentes PRUX presentados (2005,2011,2018) sempre fixemos referencia ao problema dos cupos de visitantes nas Illas Atlánticas e sempre lles fixemos ver que ese tema non era global senón que había que estudialo moi concienzudamente en cada Illa, sobre todo en Ons, que ten unha poboación autóctona e unhas características diferentes ás demais.

Durante o verán a Ons acoden fixos: veciños, familiares e amigos de veciños, donos e persoal de negocios, persoal de Parques, campistas, persoal e nenos-mozos dos campamentos da Xunta e tamén, que non ocorre nas demais illas do Parque, turistas a apartamentos, habitacións e casas vacacionais; sen embargo no Prux, estes últimos, como se non existiran, e agora veñen os problemas, como facemos con eses visitantes?

A ineficacia é máxima, a falla de coordinación absoluta, as presas para quedar ben, sobre todo en época de eleccións, priman,..., a falta de diálogo total..., pero sobre todo a torpeza e a incompetencia, déixannos abraiados.

A Administración non sabía que en Ons, dende sempre, houbo habitacións de aluguer, apartamentos e casas tamén de aluguer que, co paso dos anos, se foron legalizando e poñéndose ao día como casas vacacionais? Como as deixaron fora do PRUX? Só hai unha palabra ¡torpeza!. É aquí onde se demostra, nas pequenas cousas, o mal que funciona a administración e, polo tanto, o partido gobernante. Porque o que non queremos crer é que o fagan a posta para prexudicar a alguén, aínda que vai a haber moitos prexudicados.

Que vai pasar agora, volveran os problemas, meterán o embolado aos veciños, ás navieiras,..., ou a Perico dos Palotes, pero eles non fallan nunca.

As habitacións, apartamentos e casas vacacionais, teñen que entrar no cupo dos veciños, pois van a habitar unha casa da Illa. Hai que buscarlles un xeito de facelo que sexa diferente aos permisos veciñais, pero non moi diferente. Tamén son persoas que van pasar un fin de semana, doado de controlar; pero os haberá que pasen unha semana, 10, 15 días ou un mes completo. Hai que ver que esas persoas quizais teñen, durante a súa estancia, que ir a terra por visita médica, resolver asuntos,..., e hai que estudar como sería a súa problemática con respecto aos billetes de barco, non vaia ser que, cando queiran volver, non haxa sitio. E un longo etc. que os membros da administración, DIALOGANDO, cos veciños, donos de negocios, navieiras e dando pé a participar á opinión pública, teñen que resolver.

Esperamos que saiban resolvelo e que deixen a un lado o autoritarismo e o que é máis fácil: como non somos quen de resolvelo ou non queremos, o PROHIBIMOS.

Sra. conselleira todos estamos a notar un descoñecemento total da problemática das Illas do Parque por parte dos novos administradores. Por favor, non siga os nefastos pasos da súa antecesora, confiamos en vostede, non o bote todo pola borda.

* Responsable da Asociación PineirÓns

Compartir el artículo

stats