Sabían moi ben o que facían os galeguistas que, nas horas baixas nas que a II República caeu en mans cativas, isto é o Bienio Negro, promoveron a posta en marcha de EAJ4 Radio Unión Galicia na Praza da Universidade.

Destacaría esta estación polo seu apoio que resultou eficacísimo, ao Si na campaña do plebiscito estatutario de 1936. Unha estrela desta radio influente foi Xosé Mosquera Pérez, cuxo nome artístico, O Vello dos Contos, era famoso na época ilusionadora.

O Vello dos Contos, cunha voz poderosa e matizada facía relatos de humor que envolvían, adozaban e concretaban os elementos rudimentarios do patriotismo galego. Na miña nenez aínda se vendían, por toda Galicia, estatuíñas en madeira, feitas por un escultor compostelano cuxo nome nunca cheguei a saber, que representaban o Vello dos Contos: varapau, chileque amarelo (élles certo) remontado, pucha de orelleiras, calzón curdo sen polaina nin media polaina e, nos pés, o calzado que chamabamos chancas en Ourense, tamancas no Condado de Salvaterra e zocos por aí adiante.

O Vello dos Contos, na estatuíña, levaba apegado ao beizo inferior unha folla de papel de fumar (adiviñábase Abadie, Jean, en versión reducida) pois o personaxe estaba facendo un cigarro de picadura. Despois da guerra, Mosquera e Villar Granjel, tiveron noticia de que se vendía a casa da Matanza, aldea de Iria, Padrón, que fora a derradeira vivenda de Rosalía de Castro. Ela morreu alí, e alí ficou para sempre a súa sombra, a súa pantasma. Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera Pérez compraron dos seus petos a casa da Matanza e puxeron a andar a Fundación Rosalía de Castro, que chegou a ser un dos fogares de Breogán nos que arde o lume interminábel do nacionalismo galego ilustrado.

Outros se xuntaron ao Vello dos Contos e a Villar Granjel, coma tal o inesquencibel e entusiasta fomentador cultural padrónes Camilo Agrasar Vidal. Aceptou a presidencia do patronato ou Fundación Rosalía de Castro o zoólogo e catedrático, natural de Teis, Luís Iglesias, quen, coa súa persoa, aportaba á nova institución a lexitimidade histórica do Seminario de Estudos Galegos. E non deixou de medrar a ialma da Casa de Rosalía en riqueza de memoria e soños.

E ben, está hoxe de actualidade o Vello dos Contos porque o Instituto Rosalía de Castro, a Secretaria Xeral de Política Lingüística e Arraianos Multimedia, que dirixe Aser Álvarez, acaban de convocar o Certame Escolar de podcast e relato radiofónico Xosé Mosquera Pérez, quen sen dúbida vai mobilizar o alumnado de Galicia a unha grande festa aredor da ficción narrativa sen a cal os pobos deixan de soñarse e morren. Adicamos este anaco ao filólogo e escritor Anxo Angueira que preside na actualidade a Fundación Rosalía de Castro e ben da Nación.