Manuel Peña Rey naceu en Santiago de Viascón (Cotobade, Pontevedra) o 7 de marzo de 1889. Estudou Medicina e especializouse en Xinecoloxía por influenza do seu mestre Manuel Varela Radío -deputado por Pontevedra nas Constituíntes polas ORGA-FRG-, aínda que tamén foi dos primeiros médicos galegos en practicar Radioloxía. A mediados dos anos dez trasladouse a Ourense, e viviu un tempo no Hotel Miño, na rúa do Paseo, onde trabou amizade con A. Perille, un dos máis importantes industriais da capital ourensá. O seu bo facer profesional durante a gripe de 1918 proporcionoulle unha certa sona nuns tempos nos que non resultaba nada doado vivir do exercicio dunha especialidade médica. En plena Ditadura de Primo de Rivera gañou, en dura oposición, un posto para o recentemente inaugurado Hospital Modelo, onde terá ao seu cargo as vinte e dúas camas da Sala "Santa Ana" dedicadas a Obstetricia e Xinecoloxía, ademais da consulta gratuíta para pobres nestas especialidades. Foi director do mesmo entre 1931 e xuño de 1934, recuperando o seu posto despois da vitoria da Fronte Popular nas eleccións de 1936.

Daquela xa había tempo que tomara contacto cos círculos nacionalistas, integrándose no grupo ourensán das Irmandades dende a súa constitución a finais de 1917 por influencia de Losada Diéguez. Nos estertores da Ditadura de Primo de Rivera, como membro da refundada Irmandade Galeguista de Ourense, tomou parte na campaña propagandística do verán de 1930 organizada polos nacionalistas para calibrar os seus apoios e a reacción da opinión pública nuns intres nos que todo o mundo buscaba posicionarse diante do proceso político aberto coa dimisión do marqués de Estella. Figurou, así mesmo, entre os dezasete asinantes da "Declaración de fe republicana dos nazonalistas galegos", dada a coñecer o 1 de abril de 1931. Neste documento, os asinantes, seguindo as teses expostas por Risco en El problema político de Galicia, pronunciábanse pola República federal como a forma de goberno máis axeitada para a consecución dos obxectivos mínimos do nacionalismo, aínda que manifestaban a súa falta de sintonía co programa dos partidos republicanos e, xa que logo, vetaban a posibilidade de ingresar en calquera deles ou aceptar xefatura ou dirección "allea ás organizacións nacionalistas das que son afiliados".

Mentres tal acontecía, El Heraldo de Galicia, voceiro oficioso do nacionalismo ourensán dende a súa aparición en outubro do ano anterior, deixaba caer a necesidade de presentar candidatos galeguistas nas listas republicanas. Paralelamente, os ourensáns preparaban o camiño para o lanzamento do Partido Nazonalista Republicano de Ourense (PNRO): o día 15 dese mesmo mes, só vinte e catro horas máis tarde da proclamación da República, publicouse o seu manifesto e deuse a coñecer que Otero Pedrayo estaba á súa fronte. O médico afincado na cidade das Burgas atópase entre os seus primeiros afiliados, aínda que non forma parte da súa primeira xunta directiva, na que si está o seu compañeiro de profesión Arturo López Trasancos como vicepresidente; tampouco destaca especialmente nas primeiras actividades de propaganda e proselitismo levadas a cabo durante os primeiros meses.

O partido tiña unha clara vontade integracionista, pois nel militaban homes de moi diferentes sensibilidades nos ámbitos ideolóxico, político e social. Porén, a todos os unía a defensa do federalismo e a autonomía para Galicia, o discurso anticicaciquil e a aspiración de se presentar como herdeiros das Irmandades. Nunha xuntanza celebrada o 29 de novembro, os seus membros tomaron a decisión de participar na fundación do Partido Galeguista (PG), que se concretará na Asemblea de Pontevedra dos días 5 e 6 de decembro de 1931. Un mes máis tarde, o 6 de xaneiro de 1932, o PNRO celebra a súa derradeira asemblea: os asistentes acordaron, por unanimidade, ingresar no PG, modificar os estatutos e elixir unha nova xunta directiva na que Manuel Peña Rey xa aparece como presidente tendo como segundo a López Trasancos. Aínda que non todos os membros do partido farían efectivo o compromiso de integrarse na formación nacionalista, si entraron na mesma os seus máis senlleiros representantes.

Daquela, as actividades do grupo ourensán adquiriron un nesgo marcadamente cultural, propagandístico e de concienciación, con especial querenza pola organización de conferencias sobre os máis diversos temas de actualidade. Isto non significa que refugasen da realidade política do momento; máis ben, a capacidade intelectual dos seus guieiros e a reiterada e teimuda insistencia dos mesmos na importancia deste labor contribúen a explicar a preferencia por este camiño, ao igual que a súa orientación ideolóxica marcadamente conservadora e mesmo nalgúns aspectos tradicionalista. O mitin do Teatro Losada do 26 de xuño de 1932 foi, quizais, a actividade pública de meirande proxección das organizadas polo grupo durante o primeiro bienio. Peña Rey foi daquela o encargado de presentar aos oradores: nada menos que Alexandre Bóveda, Valentín Paz Andrade, Otero Pedrayo e Castelao. Tamén lle correspondeu responder, en forma de breve nota, aos duros ataques que no mes de xullo desde mesmo ano lanzou o xornal calvosotelista Galicia contra o "separatismo" do PG, negando, como fixo Eleuterio G. Salgado nunha máis extensa carta, a veracidade de tales extremos.

En outubro de 1932, os asistentes á Asemblea local do PG renovaron parcialmente a xunta directiva, aínda que Peña Rey continuou na presidencia e en calidade de tal acudiría á II Asemblea nacional do partido, celebrada en Santiago de Compostela dous meses máis tarde. Tamén acordaron crear un grupo feminino do partido, pero o acordo non se materializaría ata setembro do ano seguinte, cando se elixiu unha directiva que encabezaba Celia Bouzas Barreiro, dona do médico nado en Cotobade. Aqueles eran uns intres nos que o proceso estatutario constituía a principal preocupación do partido, pero tamén meses nos que o grupo ourensán cada vez daba máis mostras do seu illamento dende o punto de vista político, enfrontado case por igual con dereitas e esquerdas: das primeiras, a pesares das relativamente "correctas" relacións que mantiñan con certos sectores católicos nucleados arredor de La Región, separábanlle a diferente concepción de Galicia e da realidade galega; das segundas, o laicismo dos republicanos de esquerda e o marxismo dos socialistas; de ambas, o desinterese, cando non a aberta hostilidade, que amosaban respecto á reivindicación autonómica.

As eleccións de novembro de 1933 serían un fiel reflexo desta realidade: o PG, consciente da imposibilidade dunha coalición electoral en Ourense con forzas que defendesen a autonomía, decidiu presentar a Otero Pedrayo como solitario candidato polas minorías, sen atopar sequera a un compañeiro de viaxe que optase pola segunda acta reservada a estas na provincia; o prócer nacionalista quedou, con algo menos de 19.200 sufraxios, moi lonxe do escano e mesmo dos votos obtidos polos republicanos de esquerdas e polo PSOE.

A maioría do partido aprendeu a lección: a III Asemblea do PG, celebrada en xaneiro de 1934, autorizou o inicio de contactos coas forzas de esquerda co horizonte dun futuro cambio de maiorías que permitise sacar adiante o Estatuto. Non o tiña tan claro a maioría do grupo ourensán, sometido a constantes presións dende os sectores católicos para que rachasen co partido, ao seu xuízo en franca deriva esquerdista. Aínda así, continuaron coa súa campaña autonomista, destacando neste senso o mitin do Teatro Principal do 8 de xullo dese ano, no que Peña Rey ocupaba a presidencia a carón de Otero Pedrayo.

Os nacionalistas ourensáns -a diferenza doutros que, como Álvaro das Casas ou Suárez Picallo, permaneceron no cárcere uns días, e doutros, caso de Bóveda e Castelao, que foron desterrados so pretexto dun traslado forzoso- non foron molestados no contexto dos acontecementos revolucionarios de outubro de 1934. Mesmo co estado de guerra en plena vixencia, puideron renovar a súa directiva no mes decembro, aínda que os cambios foron certamente escasos e Manuel Peña Rey continuou na presidencia: a suspensión gobernativa de A Nosa Terra demorou ata febreiro do ano seguinte, unha semana despois da súa reaparición o día nove dese mes, a información sobre os cambios na executiva.

Daquela as tensións internas eran cada vez máis notorias: cando en marzo de 1935 o Consello do PG fixo oficial o entendemento coas forzas de esquerda e a IV Asemblea do partido, celebrada un mes máis tarde, bendiciu os pasos dados polos seus dirixentes, a fractura fíxose inevitable. Os ourensáns agardaron a que a Asemblea Extraordinaria de Santiago do 25 de xaneiro de 1936 confirmase a integración na Fronte Popular para escenificar a ruptura: o 8 de febreiro constituíuse a Dereita Galeguista de Ourense e dous días máis tarde publicouse o seu manifesto fundacional: da directiva local do PG, elixida en decembro de 1934, só o tesoureiro e avogado José Antonio Varela Garza rubricouno coa súa sinatura.

Peña Rey, que na IV Asemblea presentara unha proposta de intensificar e facer unha propaganda especial no agro para estender o partido, permaneceu fiel ao PG. Porén, o mesmo que fixo Otero, rexeitou a posibilidade de ser o seu candidato nas listas da Fronte Popular, o cal facilitou a inclusión nas mesmas de Alexandre Bóveda. A vitoria da coalición no conxunto do Estado posibilitou, finalmente, poñer en marcha o proceso estatutario e tamén permitiu que contados nacionalistas entrasen a formar parte das comisións xestoras municipais que substituíron aos concellos herdados de etapas precedentes. A campaña que precedeu ao plebiscito permitiu que a maioría dos nacionalistas ourensáns remasen, aínda que só fose por unhas semanas, na mesma dirección. O xinecólogo ourensán, ao fronte do grupo que permanecía fiel ás siglas do PG, coincidiu en tribunas e mitins con escindidos e oficialistas e aínda tivo tempo de maxinar un futuro mellor para Galicia cando, por fin, o Estatuto entrou en Cortes para iniciar a travesía parlamentaria que lle debería ter conferido rango legal. Axiña os sonos se transformarían en pesadelos.

(*) Profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo