A un inmigrante venezolano as autoridades xudiciais competentes denegáronlle a nacionalidade española. Ao parecer, tal persoa cumplimentou erroneamente un inquérito preparado polo Instituto Cervantes para o caso.

O inmigrante chamoulle "Galacia" a Galicia e "Astoria" a Asturias. Se confundirse no nome dun territorio español é razón suficiente para negarlle a un hispanoamericano a nacionalidade española, esta debíaselle retirar a moitos, incluso ao propio Cervantes. Na primeira parte do Quixote, capítulo XV, Cervantes confunde Yanguas con Galicia, e a cousa até mesmo tén graza. O caso é que o inmigrante non está demasiado enganado, e os seus errores non revelan grande ignorancia, confundir Asturias con Astoria pode xustificarse pola proximidade fonética e pola raíz lingüística. Non penso que o home soubese que realmente hai unha cidade pequena nos EEUU que se chama Astoria nin parase nunca no hotel famoso que leva ese nome e abre as súas portas a Lexington Avenue, Nova York. Moito menos pensaría nun cabaret Astoria que funcionaba coido que na Coruña cando o cronista era novo.

Pero o feito é que a raíz de Astoria está no nome de Asturias e tamén dun río de Italia e noutros lugares que se inclúen na onomástica dos chamados Antigos Europeos, segundo a hipótese do Krahe. Sen ir máis lonxe, os habitantes de Asturica Augusta mudaron o nome da súa cidade polo de Astorga, e non por iso van ser privados da nacionalidade española. En canto a Galicia, o aspirante a español cambioulle o nome polo de Galacia, o que é o mesmo que Galatia e que se relaciona, no mundo antigo, coas Galitzias e, no moderno, coa desaparecida entidade multinacional Galitzia. Non falemos de Gales porque se trata dun falso amigo neste caso. Todos están relacionados, por moito que os pertinaces inimigos do celtismo galego se empeñen en o negar. A Galatia e os seus habitantes os gálatas eran uns lontanos parentes indoeuropeos nosos que vivían en Asia Menor. Aínda o venezolano puido substituir Galicia por Galaxia sen equivocarse en exceso xa que entre nós houbo algúns que se atreveron a intentalo.

O caso é que os xornais difundiron a noticia da negativa a que esa persoa entrase a formar parte da nación española con todos os dereitos e deberes, no día 12 de Outubro, antes Día de la Raza. O trato que lle dá a España actual aos descendentes das antigas colonias non é bon, se o comparamos co que Gran Bretaña lle concede aos fillos da Commonwealth- por pór o caso contrario. No fondo hai un desprezo pola estirpe dos antigos súbditos que se extrema até a crueldade cando se trata do Sáhara Occidental, a quen a "Madre Patria" lle concedeu a independencia un 12 de Outubro aínda que lle permitiu a Marrocos a súa ocupación contra todo Dereito; se a hai.