Resulta incrible, e nunca remato de acostumarme, a capacidade que temos neste país para crear polémicas absurdas, inútiles e estúpidas, que desvían e distraen a opinión publica do autenticamente necesario e preocupante, e mira que temos problemas dabondo!

Dende aquel famoso "Membros e membras", que soltou non sei quén hai tempo no Parlamento, sen dúbida un auténtico ignorante ou ignoranta, a polémica polo uso e abuso na nosa lingua dos termos e conceptos machistas non fai senón medrar ata chegar na actualidade á ameaza do polémico escritor Pérez Reverte, de abandonar o seu sillón na RAE se se aproba no diccionario da Real Academia a linguaxe inclusiva.

É curioso comprobar cómo esta absurda polémica leva anos roldando nas redes sociais, como as famosas pilas do anuncio televisivo "Duran e duran e duran....". Recentemente volvín recibir unha suposta carta dunha suposta mestra, en realidade tal e como xa puxo de manifesto un xornal nun artigo firmado por Pablo Cantó en xuño do ano 2015, todo é unha invención, unha falsidade máis cargada de erros gramaticais, un bulo dos moitos que corren pola rede e que ninguén se encarga de investigar e desmentir, polo que moitos o cren, lamentablemente. Nesta manipuladora misiva vértense xunto con pseudo argumentos unha serie de conceptos sobre o uso da lingua castelá, completamente erróneos, pero que a xente do común, entre os que me identifico, rematamos aceptando como verdades.

Penso que a linguaxe non é nin pode ser xamais un corsé, algo inamovible, que obriga e limita, por iso dende a Academia periodicamente se aceptan novas palabras, se definen os seus conceptos, e se normaliza gramaticalmente usos, xiros, modos e formas gramaticais que de forma coloquial nós todos, a xente usa e as veces mesmo abusa, dun xeito normal, moitas veces mesmo incorrecto, pero que finalmente se impón pola forza da linguaxe e a comunicación nas rúas.

Sexa como sexa, normalizar a igualdade de xénero e eliminar actitudes xenófobas, machistas, excluíntes, ferintes, claramente despectivas nas que se minusvalora ou ofende o sentido común da paridade e igualdade de homes e mulleres na lingua e as palabras, sempre tén que ser benvida, sempre que non atente contra o sentido común, cada día o menos común dos sentidos, porque a ninguén se lle ocorre dicir: O dentisto- poeto-sindicalisto-pediatro-pianisto-turisto-periodisto-telefonisto, masaxisto, electricisto ou policío ....Nin sequera o máis machisto dos machistos do mundo mundial! Logo isto sería sexista, machista ou sexisto e machisto?

Porque como ben sabemos e se di agora non é o mesmo ter un cargo público, que ser unha carga pública.