Na estima dun amigo de meu -pídeme, o referido, que, por favor, silencie aquí e agora o seu nome e apelidos; non obstante, e por máis que el non veña concordar con semellante definición, non me queda máis remedio que informalos a Vdes, sempre moi amables lectores destas crónicas semanais (que hoxe se despiden deica a setembro), de que o noso cabaleiro resulta ser todo un impío (benia a el!), volteriano e revolté-, a proba definitiva de que, para alén dunha excelente ficción televisiva, o Ministerio do Tempo constitúe de veras unha moi sólida evidencia da singular organización administrativa do Reino de España, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxacentes ten alicerce no feito de que, a día de hoxe, D. Mariano Rajoy Brey continúe a ocupar o cargo de Presidente do Consello de Ministros patrio. "Un político nacido no século XX e actuando no XXI como se estivésemos no XIX: está claro que Mariano viaxa polo medio e medio de semanas, meses, anos, lustros e décadas! Qué outro testemuño precisas -retruca o meu, aludido, colega- para admitir que, en efecto, España si que conta con toda a infraestrutura dun auténtico Ministerio do Tempo?"

Claro é, asemade, que, xa postos a procurarmos pistas e rastros da efectiva presenza de semellantes dependencias ministeriais, acontece que os posibles vestixios aumentan en progresión xeométrica. Sen ir máis lonxe, velaí teñen Vdes. as aparicións televisivas de Raphael no Nadal, ano si e ano tamén, ou aínda esoutros resultados obtidos polos representantes españois no Festival de Eurovisión. Qué máis, preguntan aínda? Engadan ao cómputo os eventos futbolísticos e, sobre todo, as arbitraxes efectuadas ("¡así!; ¡así gana el....!"), o sorriso implacable de Jordi Hurtado, o culebrón de Angel Garó e comparsas afíns, as familias Pujol, Campos, Pantoja e Borbón, o look de Rafael Hernando e Susana Díaz, as carretas no Guadalquivir e mais a "Salve rociera", as estreas teatrais de Arturo Fernández, a transfiguración de Carles Puigdemont ("Ara ja no direu que no sóc prou catalanista!), a epifanía xeriátrica de Alfonso Guerra pedíndolle ao xeneral Batet que declare o estado de guerra ou os cálculos, recálculos e conxecturas para atinxir a unidade das esquerdas. En fin, falando precisamente destas últimas, tal parece que D. Pablo Iglesias Turrión teña mesmo en propiedade algunhas das mil e unha portas do Ministerio dirixido por Salvador Martí/Jaime Blanch. E é que, de non ser así, non se explica toda esa familiaridade que manifesta o secretario xeral de Podemos con Benito Pérez Galdós, Joaquín Costa, Antonio Cánovas del Castillo, Práxedes Mateo Sagasta ou José de Salamanca y Mayol, I marqués de Salamanca e I conde de los Llanos. Vaia, que só lle falta a D. Pablo airear publicamente as súas relacións con Narváez, Serrano, Prim... e, desde logo, coa Súa Maxestade Isabel II: sen dúbida, toda unha tórrida relación, a de ambos os protagonistas. Tan só falta que Ernesto Jiménez/Juan Gea e/ou Irene Larra/Cayetana Guillén Cuevo lle propoñan ao seu superior xeráquico que contrate a D. Ramón María del Valle-Inclán para levar a cabo a crónica puntual desta pasarela temporal pola que estamos a transitar tan orondos: "Ríe la comadre, feliz y carnal/y un temblor cachondo le sube del papo/al anca fondona de yegua real".

Excelente ficción televisiva, pois -xa quedou dito ao comezo das presentes liñas-, esa que nos volve ofrecer La 1 cada xoves. E tanto é así que, se os demais departamentos, institucións,... desta liorta de liortas na que andamos, todos xuntos e revoltos, funcionasen tan ben -ou case tan ben- como o Ministerio do Tempo, o mundo enteiro quedaría admirado da nosa dilexencia. Doutra parte, se os guionistas se esforzan un pouquiño máis e acertan a incluír algunha cousa portuguesa nun par de episodios, á canda do feliz lecer teriamos de contado esoutro relato fluído e veraz do que realmente veu suceder na península ao longo dos séculos. Porque, mal que lle pese a quen lle pese, acontece que todas as partes que compoñen a plurinación participaron activamente nas grandes conxunturas da mesma: a conquista romana; esoutra longa xeira da chamada Reconquista; a pulsión ultramariña e mais o decurso dos Descubrimentos; a nomeada "Guerra da Independencia"; o conflicto entre reaccionarios e liberais; a pugna entre autoritarismos e democracia; o amor/desamor europeo... ninguén foi/pode resultar alleo en Donostia, Barcelona, Sevilla, Madrid, Valladolid, Lisboa, Vigo... a semellante traxectoria. Ninguén pode argumentar que desa auga non bebeu antes nin bebe tampouco agora.

Precisamos dun Ministerio do Tempo, xa que logo, non para facermos turismo ou pretender alterar aquilo que quedou consignado para sempre. Precisamos dun Ministerio do Tempo para superarmos os equívocos, as medias verdades e mais as crónicas ruíns. Precisamos, en fin, un Ministerio do Tempo que nos explique quen fomos e como chegamos aquí: a única garantía, ao cabo, de continuarmos existindo no futuro.