Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A corda dura

A area de Areas

O vento, ás veces silandeiro e sempre cotián, é como a única voz que pon o remorso do pasado. O vento teimoso que zoa sempre, vai e vén, leva o po e volve traelo, ben sexa a través de contornas tan diversas como as chairas, as montañas e os bosques, ou a través dos mares e das dunas dos desertos.

O atravesado, que vén do oeste, ou de Castela que vén do leste, ás veces regañón polas chairas, ás veces rinchante entre os fondos bosques das montañas... E unha e outra vez, dun xeito insistente, vai almacenando areas e areas e criando pequenas zonas desérticas, como tamén vai pasando tempo e máis tempo. E como tamén se di por aí, as palabras as leva o vento, chámese aquilón, borboriño, carbeso, escarabana, nordés ou zurra, como os golpes que levamos ao longo da nosa vida.

Pero alén diso hai así mesmo areas que ocultan o pasado ós ollos dos habitantes que seguen no tempo, e areas que perduran como unha dor cravada no peito que nunca se poderá arrincar a aqueles seres que habitaron un día por riba delas.

Como aquelas areas de Areas, a carón do mar abundantes, que un día foron o soño guiado dunha xuventude ourensá rexa e grandiosa, un recuncho que segue vixiado aínda pola Cala dos Mortos onde unha multitude de mozos e mozas construíu os seus soños baixo a tutela dun anxo excepcional e sobranceiro que sempre levaba pendurada do peito unha medalla dourada como símbolo dunha historia que nunca debera rematar, areas que hoxe non conforman máis que unha praia solitaria circundada polo continuo e galopante degoro devorador e urbanista dos seres humanos, aínda que como un Lázaro, haxa quen cre que é posible resucitar aqueles vellos soños dende unha perspectiva innovadora pedagóxica actual.

Irónica e perversamente, temos no noso acervo morriñento e melancólico galego unha frase moi típica para o caso: "Quen foi ao mar, perdeu o lugar; o que foi ao vento, perdeu o asento". Pero ás veces sucede que queremos andar na horta e non ver as verzas, polo que da caixa de Pandora, liberados todos os malos ventos, algúns desexan preservar a deusa Elpis, a esperanza, que por outra banda tamén é o último que se perde en calquera idioma.

Compartir el artículo

stats