Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Eles teñen medo

Se caeu Roma e caeu Bizancio todo pode ser derrubado. Asistimos, no Estado Español, a unha desfeita. O nacionalismo catalán opta, coma un día o pobo dos EE UU da América, pola independencia. O catalanismo morno e constitucional foise, ao mesmo tempo que Pujol, polos sumidoiros dos ludres. A Transición ou Reforma política estase esboroando.

O ladroiro ou latrocinio como parte formante do Réxime actual fede que alcatrea. Todo un Rei posto por Franco foi forzado á abdicación. Agora gaña as votacións internas do PSOE Pedro Sánchez. Perdeu Felipe González, e con Guerra e con todos os que a CIA mandara tomar conta do partido de Llopis. Gañou Pedro Sánchez contra os medios da comunicación. As dereitas declaráranlle o amor á andaluza de parla fácil. Perdeu Abel Caballero aínda que a súa Cruz de los Caidos segue en pé igual ca a de Cuelgamuros. Como se dixeramos que perdeu Prieto a que gañou Negrín. Ao lonxe, un novo Azaña de nome Pablo Iglesias bate palmas e ri de contento.

A trinta quilómetros do sitio no que vivo e escribo, en ¨Valença do Minho, hai un mural que nos informa de que Portugal se encontra no mellor momento socioeconónimo da historia da súa democracia. Mentres o Bloco e un PCP inmune ao eurocomunismo controlan o goberno, este, do PS, admirado por Pedro Sánchez, navega avante ao tempo que o presidente da República anda ás minchas. Sabiamos que o PSOE tiña votantes da esquerda a pesar de que Felipe González privatizou tanto que non lle deixou case nada a Aznar. Agora sabemos que dentro do PSOE tamén hai militancia e aparato de esquerda, que cantan moito ben a Internacional de Pottier. Pero, ai, o PSOE de Sánchez nada poderá remodar el só.

Son horas de ser construida esoutra Grande Coalición. Cos independentistas, con Podemos, en Galicia En Maré e cun BNG tamén En Maré. Isto último como contributo imprescindibel para avanzar cara a nosa autodeterminación. Se o PSOE de Pedro Sánchez non se une á moción de censura e se atreve a presentarse a soas como a opción única de esquerda en España todas as esperanzas que nimbaran a súa figura durante a campaña das primarias do PSOE evaporaríase coma a orballada dos prados cando o sol os aquece. En todo caso, a elección interna do PSOE resultou ser unha reprobación daqueles seus dirixentes históricos que denigran o goberno de Venezuela e sosteñen o PP.

Compartir el artículo

stats