No mes de setembro de 1980 un grupo de galegos foi preso e interrogado en réxime de aplicación da Lei antiterrorista. Os integrantes do grupo foron levados, ou fomos, mellor dito, perante a Audiencia Nacional tras dun tempo nas cadeas da Coruña, Segovia e Carabanchel.

Houbo absolucións e tamén duras sentencias condenatorias. En realidade, os acusados non eran senón persoas que se opuñan á execución da Autopista do Atlántico tal e como se estaba levando a cabo. A idea dos opositores á autopista posuía unha vertente social, que tiña moi en conta os intereses dos propietarios rurais afectados, e outra nacional e política.

Dixésese o que se dixese na prensa, eiquí desembarcaran uns grupos financeiros dispostos a explotarnos aos galegos e a reforzaren a colonización case estructural que forma parte da nosa paisaxe histórica.

Os presos e procesados de 1980 non concebían novas vías e infraestructuras de comunicación que non fosen galegas e públicas.

Veume todo isto á acordanza ao ler un informe sobre AUDASA, a compañía que se lucra da autopista, redactado por Manuel Lago, deputado En Maré no Parlamento autonómico de Galicia. Di Lago que AUDASA é unha "máquina de facer diñeiro". Nos exercicios de 2011-2015, os que pasamos polas súas cabinas de peaxe proporcionámoslle a AUDASA uns beneficios brutos de 539 millóns de euros, dos cales foron destinados 186 millóns a lles pagar os dividendos aos accionistas.

Accionistas colectivos e sen rostro, ou pouco coñecidos por nós, os pobres da Terra, coma son os fondos de inversión ou bancos Pear Luxenbourg Investiment, Kutxabank (non é venezolana), Abanca (esta éo), Liberbank. De maneira que, cando pagamos a autopista, estamos meténdolle no peto unha cantidade de diñeiro formidábel a xente que nin é viciña nosa nin garda relación co tecido económico de Galiicia.

E aínda por cima, a min dame a impresión de que AUDASA está a se rir de nós. As tendas e quioscos das áreas de servizo non conteñen ningunha publicación en galego. Os rótulos dos restaurantes e gasolineiras non usan o noso idioma ou o usan mal. Ou sexa, que cando os meus compañeiros de 1980 dicían (escribían, berraban) que a Autopista do Atlántico constituía un episodio especialmente perxudicial que exacerbaba a secular expoliación colonialista de Galicia, estaban no certo.

Polo tanto, as forzas como En Maré e BNG fan ben en esixir a nacionalización de AUDASA, e conxéneres. Digo nacionalización.