Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

A exposición do Vindel

Este ano 2017 debería ser o do regreso do Pergamiño Vindel a Galicia, despois de corenta anos na cámara acoirazada da Pierpont Morgan Library de Nova York, rexistrado como documento M979 e só dispoñible para investigadores. Tras a proposta da viguesa asociación cultural Pertenza, a profesora Camiño Noia, en representación da Universidade de Vigo, xestionou co museo novaiorquino a cesión temporal do Vindel e asumiu a responsabilidade de expoñer en Vigo, no marco dun programa de actividades académicas, a que é a peza máis valiosa do patrimonio bibliográfico da literatura galega. Un pergamiño de 34 cms. de longo e 46 de largo, datado na segunda metade do século XIII, atopado hai un século no forro dun códice do século XIV nunha obra de Cicerón polo libreiro madrileño Pedro Vindel, que contén disposto a catro columnas o texto das sete cantigas de amigo atribuídas a Martín Códax, acompañadas dos pentagramas musicais de seis delas.

Anunciada a pasada primavera, baixo o título "Os tesouros da cidade", a exposición do Vindel estaría aberta no museo Marco de Príncipe de 6 de outubro de 2017 ao 4 de marzo de 2018, froito da colaboración entre a Universidade o Concello de Vigo. Porén, como non é estraño na nosa cidade revolcada, parece que existen problemas para pechar o acordo económico entre ambas as dúas institucións, como recoñeceu o alcalde Caballero na entrevista do pasado domingo en Faro de Vigo. O que é, inevitable, provoca preocupación diante da posibilidade de que a cidadanía viguesa (sobre todo os escolares e as xeracións máis novas) perda a experiencia única de coñecer ao vivo unha das máis valiosas alfaias viguesas, o orixinal da primeira peza do seu patrimonio bibliográfico

O Pergamiño Vindel non é unha peza calquera do patrimonio galego. É, sen dúbida, a trabe de ouro para entender o celme da historia de Vigo e a súa identidade milenaria como abella da ribeira. A existencia do Vindel abala a teoría defendida por Álvaro Cunqueiro de que Vigo foi unha cidade fundada por un poeta, aquel Martín Códax "que bailaba no sagrado de Vigo" e "via a súa amiga bañarse nas ondas". Un pergamiño que, para Xosé María Álvarez Blázquez, o autor de "Vigo. A cidade e os días" e cronista oficial da cidade de 1976 a 1985, demostra que o trobeiro Martín Códax é "o vigués máis universal de todos os tempos", tendo Vigo o privilexio de ser coñecida no mundo pola graza dun poeta "para quen a súa vila natal era cifra e suma de todos os seus amores", facendo da terra nosa vértice da espiritualidade peninsular. Dúas testemuñas, as de don Álvaro e don Xosé María, que debuxan con claridade o triángulo único formado por Vigo e a súa ría, co poeta Martín Códax e as súas cantigas musicadas recollidas no Vindel.

Un pergamiño que dende a súa descuberta fortuita hai un século foi cobizado por musicólogos, bibliófilos e filólogos como unha das xoias da literatura medieval, que transcende con moito o seu valor económico, por importante que este sexa. O Vindel é unha peza de enorme importancia para a literatura galega xa que, como sinala Xesús Alonso Montero, actual presidente da Real Academia Galega, constitúe "a proba documental de que as cantigas de tema profano existiron e funcionaron como tales cantigas". Máis aínda cando até o seu descubrimento en 1914 os máis eruditos coñecían só as "Cantigas de Santa María", un corpus literario e musical de temática mariana elaborado no século XIII na corte de Afonso X O Sabio. Sen esquecer, tampouco, que houbo que agardar até 1990 para atopar unha peza semellante, tras a descuberta en Lisboa polo profesor Harvey L. Sharrer dun pergamiño que contén a música de sete fragmentos de cantigas de amor de don Denís rei poeta de Portugal.

Por moi escasos que sexan os recursos destinados en Vigo á programación cultural, paréceme difícil comprender que entre todas as administracións que operan sobre a nosa área (Concello, Área Metropolitana, Deputación, Xunta, Autoridade Portuaria, Zona Franca, Axencia Europea de Pesca), as fundacións das entidades financeiras e mesmo as máis importantes empresas instaladas na cidade, non poidan achegar entre todas elas os 400.000 euros necesarios para poder abrir a exposición do Pergamiño Vindel nunha instalación municipal, sexa o Marco ou a Casa das Artes. A do Vindel non é unha exposición calquera para unha cidade nacida do gromo que sementou o poeta Martín Códax. Acadar un amplo acordo interinstitucional público e privado para celebrar o regreso do Vindel é un esforzo que pagaría moito a pena intentar.

stylename="070_TXT_inf_01">bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats