"Chámome Alex, teño 9 anos e fai dous días que apenas durmo porque non sei que facer; o profe púxome unhas tarefas e papá dí que non teño que facelas".

Unha vez máis, coma se dun clásico se tratase, preséntase ao debate dos deberes escolares pero este ano condimentados coa campaña dunha confederación de pais que pide o boicot e a insumisión ás tarefas escolares durante o mes de novembro, suscitando unha gran controversia no seo da comunidade educativa, que se fai extensible a toda a sociedade e que coincide, ademais, con outras campañas publicitarias que dalgún xeito cuestionan o labor do profesorado e atenta contra a liberdade de cátedra e o principio pedagóxico e organizativo dos centros educativos.

Manifesto o meu rechazo ante estas propostas que incitan á insumisión e ao boicot atentando contra a actividade do profesorado e a súa autoridade profesional e académica.

A comunicación no centro educativo entre o profesorado e as familias resulta fundamental para resolver estas controversias dende o diálogo co titor ou co equipo directivo ou dende os órganos de participación educativa como é o Consello Escolar. As propostas de boicot e insumisión non encaixan na boa dinámica educativa lanzando unha mensaxe demoledora sobre a relación profesor-alumno que socava a autoridade do docente, atenta contra a boa convivencia escolar e en última instancia, contra o rendemento académico do alumno.

Sí, por isto e por outros motivos este ano teño un cabreo especial.

Non podo entender que o máximo representante ,a nivel nacional, dunha asociación de pais pense e menos aínda se atreva a promover unha campana que di "O meu fillo non leva deberes por unha decisión familiar". E digo eu cando vai ao médico dille "O meu fillo non toma a medicación por decisión familiar" e o domingo no fútbol espétalle ao adestrador "O meu fillo xoga de dianteiro pero hoxe e porteiro por decisión familiar". Sigo pensando e sorrío para dentro a cara que se lle pode quedar á garda civil cando con toda rotundidade lle diga: "Non pode multar ao meu fillo por ir sin carnet xa que o fai por unha decisión familiar".

Vamos, de coña.

Outra das frases para enmarcar é "Na escola falta unha asignatura: o tempo libre", pois pode ser, pero o que está claro é que a que os docentes botamos en falta é outra "participación real e efectiva dos pais". Ninguén dubida de que escola e familia deben traballar de forma conxunta, pero parece que a maioría das veces en vez de centrar esforzos o que fan e camiñar en líneas paralelas que non conducen a ningures.

A participación real e colaborativa da familia é unha asignatura pendente nos centros educativos. Familia e escola teñen que traballar ao unísono, pero o certo é que non sempre os pais o entenden deste xeito e acaban colocándose "en frente a" en lugar de "ao lado" e moitas veces os camiños de colaboración que escollen en vez de aunar na mesma dirección e sentido fano en sentido contrario.

É recomendable que os pais coñezan ao profesor dos seus fillos e que traten de ter unha relación normal e cordial; é preciso rematar coa tensión que a día de hoxe se xerou nos centros educativos do noso país no que respecta á relación dos pais cos profesores dos seus fillos. Non é entendible o clima de tensión que moitas veces se está a xerar, debe asumirse que a aula é cousa do docente e deber ser o lugar onde realice o seu traballo sen nengún tipo de presión nin coacción.

Moitas veces os docentes preguntámonos por qué estes mesmos proxenitores que se están a inmiscuir no noso traballo non o fan no doutros profesionais, ninguén se imaxina a un papá ou mamá dicíndolle ao médico cómo debe anestesiar, ónde debe aplicar o bisturí, ónde suturar, que receitar...... e iso é aplicable aos distintos profesionais que ao longo do tempo traballan cos seus fillos. Aínda que quizáis teña unha explicación grazas á teoría, baseada en feitos científicos, que conclúe que "neste país todo o mundo entende de fútbol e de educación."

Atopámonos con pais que descalifican tanto o labor dos docentes ,en lugar de esixir respeto pola súa figura, coma o centro educativo no que estudian os seus fillos; esta postura non é fácil de entender a non ser por ese coñecemento que temos de que moitos pais consideran a aula coma un simple "aparcadoiro de rapaces" sen outra responsabilidade que sexa a de formalos e educalos.

Rematar citando un proverbio africano que di "Para educar a un neno fai falla toda a tribu".