Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

DENDE O MEU SOFÁ

Nihil novum sub sole

(En resposta a un e-mail.)

Querida amiga, antes de nada quero manifestar o meu agradecemento por permitirme responder ao teu mail a través deste medio. Disme que dende a túa posición de agnóstica es capaz de recoñecer que a "Relixión alivia ao individuo das súas angustias permitindo a súa relación con Deus e alixeirándoo do enorme peso dos seus medos". Non che falta razón. E pregúntasme cal pode ser o motivo da antipatía e da fobia que profesan algúns gobernantes (onte e hoxe) cara a Relixión (sexa esta cal sexa) e as súas manifestacións.

Penso que a fe, querida amiga, axuda ao ser humano a comprender mellor, ou polo menos aceptar, a dor e a morte (a nosa máis fonda inquedanza) e isto capacita ao individuo para pasar os seus días con maior sentido, confianza e ilusión e a loitar contra a crueldade do mundo cunha intensa esperanza.

A Relixión foi dende o primeiro instante da historia do ser humano un factor básico da súa existencia e en toda civilización alzouse como unha forza cultural e social sen parangón. A Relixión, cos seus dogmas, principios e tamén obrigas, axuda ao ser humano a debater e formarse (aquí o asunto!) á marxe do control dos que mandan podendo alimentarse con criterios alternativos aos politicamente dominantes (vendidos como correctos, indiscutibles e indestrutibles). Por esta razón ante a Relixión o poder adoita perder os nervios e actúa sempre igual (non hai sorpresas): primeiro tenta sometela, logo reprimila desprestixiándoa ou desacreditándoa ante a sociedade para, ao final, substituíla por outra fe: a fe laica que eleva ata o sacro á nación, aos seus símbolos, as súas festas e o seu culto aos heroes patrios e aos seus dirixentes.

Agora ben, non teñas dúbida de que a Relixión, por moito que pensen algúns (poucos), seguirá existindo namentres haxa mundo. E claro que se manterá sendo moi perigosa para os intereses do poder; non é doado controlala e á fin e ao cabo os que a atacan envexan a súa transcendencia.

Permíteme rematar desexándoche unha feliz semana. Os cristiáns de todo o mundo celebrarémola de xeito especial. Son os días nos que re-actualizamos a morte e a resurrección de Xesús de Nazaret; no que cremos, ao que adoramos, amamos e seguimos. Mira por onde! El atreveuse a desafiar ao poder tiránico do momento. E chegoulle a morte en pago ao seu desafío. Pero venceu e agora segue vencendo en cada home, en cada muller, que se atreve a resucitar superando o desconsolo, a soidade e o medo; en cada ser humano que ousa saír da morte para vivir coa luz da esperanza.

Compartir el artículo

stats