Opinión
MANUEL BRAGADO
Rúa Cunqueiro en Madrid
Fáiseme moi difícil entender que o concello de Madrid incluíse o nome do escritor Álvaro Cunqueiro na lista dos que pretende retirar do seu rueiro, en cumprimento do artigo 15 da Lei de Memoria Histórica. De ser certa esta lista filtrada nos medios de comunicación, que sospeito non será definitiva, o concello presidido por Manuela Carmena incorrería nun grave erro, xa que cando se bautizou co nome de don Álvaro unha rúa presumo que na exposición de motivos aprobada pola corporación estaría máis fundamentada na súa condición de brillante escritor ca no seu comportamento político.
Álvaro Cunqueiro foi membro do Partido Galeguista e apoiou o Si no referendum do Estatuto de Galicia do 28 de xuño de 1936. Mais é innegable que despois da sublevación militar, afiliouse a Falanxe e a partir de 1937 comezou a colaborar nas páxinas de "El Pueblo Gallego", daquela dirixido polo falanxista Jesús Suevos, onde publicou algúns artigos como "De la necesidad del Caudillo" ou poemas como "Elegía verdadera a los muertos de la revolución", que estiveron claramente ao servizo da causa franquista. Como está acreditada a súa colaboración co réxime na súa estancia en Madrid até o seu regreso a Mondoñedo en 1947.
Mais tamén é irrefutable que don Álvaro levaba a escritura no seu ADN. Como sinalou o profesor Xesús Alonso Montero "non había realidade, fose cal for, que non suscitase nel unha construción literaria". Foi escritor vocacional, esencialmente en lingua galega, cun talento por riba dos xéneros, a quen se deben algunhas das obras cimeiras das nosas letras como "Merlín e familia (1955), "Herba aquí ou acolá" (1980) ou "O incerto señor do Hamlet, príncipe de Dinamarca" (1958). Razón pola que prefiro pensar que a don Álvaro lle foi outorgada o nome dunha rúa madrileña pola súa condición de escritor memorable, veterano xornalista, director de "Faro de Vigo", dende 1964 a 1970, e columnista excepcional de "El envés".
Entender esa dimensión de Álvaro Cunqueiro como escritor total, como humanista comprometido coa diversidade das culturas e da riqueza das linguas (debémoslle o soño compartido das "mil primaveras para a lingua galega") evitaría un "cunqueiricidio" en Madrid, que agardo non se vaia producir nunca.
stylename="070_TXT_inf_01">bretemas@gmail.com
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- Mercadona denuncia la venta desde Bueu de pescado que debía destruirse
- «Sin calefacción estamos todo el año a 21 ºC»
- La Navidad llega a Vigo con ilusión impermeable
- Descarrila un tren de mercancías cargado de toneladas de acero en As Neves
- El encendido de las luces de Navidad de Vigo en primera línea: aforo limitado y solo cuatro accesos a Porta do Sol
- ¿Cuál es el mejor día para ver las luces de Navidad de Vigo? Estos son los de mayor y menor afluencia
- El Paseo de Alfonso luce su nueva plaza-mirador