Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Tren atlántico

Formo parte do grupo de vigueses que hai corenta anos estudamos o bacharelato na Universidade Laboral da Coruña. Sei que fomos uns privilexiados por termos a oportunidade de vivir a experiencia feliz de sermos vigueses de nación e coruñeses de adopción. No entanto, tampouco esquecemos o tempo que daquela levaba viaxar dende Vigo até A Coruña, sempre moito máis de catro horas, fose nas viaxes penosas no fedorento ferrobús ou no Castromil que saía da rúa Uruguai. Durante aqueles anos tan importantes da nosa adolescencia, que coincidiron cos do tardofranquismo e co da morte (na cama) do ditador, descubrimos en longas camiñadas os recantos da Coruña, unha cidade popular preciosa que tamén fixemos nosa. Dende entón sei que a cidade da Torre posúe un celme idéntico ao de Vigo, presente sobre todo no corazón da veciñanza dos seus barrios populares.

Como reitera o escritor Xurxo Souto Vigo e A Coruña son a mesma cidade portuaria, mais durante estas catro décadas medraron viradas de costas. Un fenómeno ao que non foron alleos nin os acedos enfrontamentos futbolísticos sacados do seu contexto deportivo nin os localismos de tres pesetas dalgúns dos seus alcaldes, que de forma demagóxica utilizaron, e continúan utilizando, o enfrontamento atávico coa cidade rival como o seu mellor argumento para xustificar as súas decisións ou incapacidades. Vigo e Coruña viviron incomunicadas, a pesar de que son os dous músculos principais da economía galega, capaces de concentrar unha cuarta parte do PIB galego e de artellar nas súas áreas metropolitanas un terzo da poboación galega e xerar arredor do 60% da actividade exportadora de Galicia.

Nun país como Galicia, onde a pesar de tres décadas de autogoberno, aínda non se abordou nin a ordenación do seu territorio nin a reorganización da súa administración, o enfrontamento e a incomunicación entre as súas dúas cidades principais constituíu un factor retardatario para o seu crecemento e un lastre para o desenvolvemento das infraestruturas. Nese contexto a ninguén pode estrañar que Vigo e A Coruña compitan a cara de can polas conexións de cadanseus aeroportos, a pesar que ambos os dous son os máis deficitarios da rede de AENA, ou que en ausencia dunha estratexia de proxección internacional de Galicia o fagan polas escalas de cruceiros atlánticos para os seus portos, coa intención de potenciar a actividade turística cara ás alfaias do seu patrimonio, a Torre e as Cíes. Senllas mostras dun fracaso cuxa responsabilidade principal radica na ausencia dun proxecto de integración das áreas urbanas de Galicia. Porén, é un feito que A Coruña e Vigo compiten na mesma categoría, a das cidades europeas atlánticas, o que as obriga a compartir unha estratexia de cooperación institucional (dos seus concellos, cámaras de comercio, asociacións empresariais, veciñais e cívicas), mais tamén de comunicación permanente e intercambio entre as súas poboacións.

Por ventura, A Coruña e Vigo son dúas cidades que grazas á apertura inminente do Eixo Atlántico ferroviario de velocidade alta quedarán á carreiriña dun can, apenas a unha hora e dez minutos. Unha noticia histórica que supón o remate dun proxecto de mobilidade interior concibido hai vinte anos polo conselleiro Xosé Cuíña. Un tren atlántico que permitirá que Vigo e Pontevedra funcionen como unha única rexión urbana, xa que levará menos tempo chegar dende a estación de Urzaiz a Pontevedra que a Samil. Un tren veloz que se conta con tarifas asequibles (o que hoxe é un interrogante), horarios alongados e máis frecuencias (incluída as anteriores a medianoite), permitirá que as cidadanías das catro cidades poidan compartir programación deportiva, cultural, festiva e, sobre todo, actividade comercial e turística. Unha auténtica revolución para o modelo galego de mobilidade, baseado no emprego da carísima AP-9 (o grande negocio destas tres últimas décadas), que reducirá o emprego do vehículo privado, ao tempo que sen dúbida facilitará o achegamento entre as veciñazas e a superación de tantos prexuízos localistas.

A chegada do tren atlántico á estación de Urzaiz debería levar a construír decontado alí por parte da Xunta de Galicia unha estación de autobuses, o que facilitaría a intermodalidade do servizo de transporte metropolitano, no que sería ridículo non participase o concello de Vigo. Como tamén a reformular todo o tráfico ferroviario en Galicia, tanto das liñas de cercanías, como das comunicacións coa Meseta, que sabemos sofrirán novos atrasos, como do tren celta con Porto. A Xunta e todos os concellos implicados deberían pactar con Adif e Renfe un novo plan para o tren galego desta década. Trataríase apenas de aproveitar a oportunidade que supón a chegada a Urzaiz do tan custoso e anceiado tren atlántico.

stylename="070_TXT_inf_01">bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats