Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Vigo retrocede

A pesar do meu natural optimista non podo negar que a situación de Vigo e a súa área metropolitana é crítica nos eidos económico, social e cultural e confusa no político. A estabilización das cifras do desemprego por riba das trinta mil persoas na cidade e das corenta mil na área metropolitana, a pesar do certo repunte da industria naval e da contención da crise dos sectores do automóbil e da pesca, sitúan a milleiros de familias viguesas nos umbrais da probreza e da exclusión social, expresando así un moi preocupante devalo. Desde comezos do século actual Vigo comezou a retroceder, perdeu o liderado sobre o proxecto de Galicia como país, que viña exercendo co seu dinamismo económico e iniciativa cultural durante a maior parte do século XX, derrubándose tamén a sua centralidade na articulación da rexión europea Galicia e Norte de Portugal sobre o chamado "Eixo Atlántico", proxecto político estratéxico acuñado durante a última década do século pasado.

Un retroceso económico e social cuxa orixe é anterior aos efectos da actual crise económica, ao que non foron alleas unhas élites políticas e económicas viguesas ensimesmadas nas súas interminables loitas de Rande para adentro, cuxas máis dramáticas consecuencias foron a perda da caixa de aforros, unha entidade centenaria de crédito popular ao servizo do desenvolvemento local, e o atraso na modernización das infraestruturas básicas portuarias, aeroportuarias, ferroviarias e sanitarias, en permanente proceso de ser finalizadas ou sequera coordinadas coas existentes no Norte de Galicia, mais que continúan ofrecendo un servizo precario ou moi caro, o que hoxe supón un lastre para a competitividade das empresas viguesas. Un retroceso económico e social de Vigo ao que non se remedia acudindo á existencia dun inimigo exterior, un ser maligno unhas veces vestido de picheleiro outras de cascarilleiro, destinado a magoarnos pola nosa condición de ghichiños que non sabemos se miramos ou vemos pola xanela.

Un retroceso que se produce tamén no liderado cultural, onde a nosa cidade foi tantas veces hexemónica, dende os proxectos do diario "Galicia" de Valentín Paz Andrade na década dos vinte, pasando polos anos máis difíciles da ditadura, cando aquí se creou a editorial Cíes de Eugenio Barrientos e comezou a funcionar a Galaxia de Paco del Riego, até os anos oitenta da creatividade postmoderna da movida e da creación das actuais industrias culturais, que converteron a Vigo en capital editorial e musical de Galicia, cun peso identificable no panorama peninsular. A incapacidade para dotarse dunha biblioteca pública do estado, unha infraestrutura cultural básica coa que contan todas as capitais de provincia, a imposibilidade de soster unha rede museística especializada e para públicos diversos, como a falta dunha programación musical e de artes escénicas á altura dunha área metropolitana de medio millón de habitantes constitúen outros síntomas deste preocupante retroceso dunha cidade que foi berce da innovación e transgresión no eido cultural.

Vigo retrocede, tamén, pola súa incapacidade para desenvolver o seu proxecto metropolitano, inserido nun novo mapa territorial de Galicia. A incapacidade de poñer en marcha sequera un servizo de transporte intermodal, terrestre e marítimo ou dun servizo de abastecemento e depuración de augas ou sequera do servizos de bombeiros e protección civil, como de recollida e tratamento de residuos sólidos a nivel metropolitano condiciona de forma negativa as posibilidades de mobilidade e de calidade de vida de medio millón de persoas. Tras catro mandatos municipais sen atopar solución ningunha para a cuestión metropolitana viguesa, os responsables políticos do concello e da Xunta de Galicia están obrigados a ofrecer explicacións á cidadadanía que vaian moito máis alá de culpabilizar aos seus contricantes políticos da súa incapacidade para atopar un marco de acordo. Sen un deseño dun Vigo metropolitano non haberá posibilidade ningunha de recuperar o liderado perdido.

Nunha situación tan crítica non semella que a solución máis sensata sexa continuar coas prácticas do vello cesarismo localista. Vigo precisa fixar un proxecto estratéxico de desenvolvemento metropolitano, canto menos para as dúas próximas décadas, enxergando o horizonte de 2035. Un proxecto apoiado por unha ampla maioría social e política, que fixe unha posición orixinal que permita a súa continuidade por riba de coxunturas e liderados políticos efémeros. Deseñar este proxecto requirirá firmeza para facerse respectar polas diversas administracións, máis tamén da capacidade dos seus promotores para reinventarse, abandonando os modelos da vella política e forxando acordos amplos arredor de proxectos novidosos.

stylename="070_TXT_inf_01">bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats