12 de octubre de 2014
12.10.2014
Profesor de la Universidade de Santiago y coordinador del Máster en Gestión Sostenible de la Tierra

Terras para facer territorio

12.10.2014 | 05:16
Terras para facer territorio

O acaparamento (a febre ou a fame) de terras (land grabbing, land rush etc), son termos que describen as compras masivas de terras por gobernos e empresas en outros países (xeralmente en vías de desenvolvemento) para asegurarse abastecemento de recursos (alimentos, fibras, enerxía, etc) nun futuro próximo, en que superaremos os 9.000 millóns de persoas no planeta.

Os fondos de inversión consideran a terra coma obxecto de inversión no contexto da crise financieira. Se fala incluso dunha burbulla no mercado de terras.

Esa demanda crecente enfróntase á limitada cantidade e calidade do recurso terra, que merece cando menos unha reflexión.

As Nacións Unidas falan de 1.970 metros cadrados de terra agrícola por habitante coma SOS (safe operating space). A UE está a preparar para 2015 unha "Comunicación para uso sostible da terra". Alemaña fixou en 2002 coma obxectivo reducir a perda de solo agrícola (selada por urbanización e infraestructuras) das 130 as 30 hectáreas por día; en 2012 estaba perdendo 69 ha/día.

Toda sociedade vive na terra e fai uso dela. Para o territorio galego xa temos unha película dos cambios de usos solo (urbanización difusa, forestación e abandono) e onde se producen, descrita na nova publicada neste xornal o pasado día 10. Mais, ¿é esta a película que a sociedade galega quere ver? Se os cambios continúan ao mesmo ritmo, ¿cara onde nos diriximos? ¿Ten a sociedade galega un desafío territorial?

Os cambios que experimenta a cuberta non é máis que a vestimenta, o fenosistema, a paisaxe. Pero porqué temos esta paisaxe, por que se move nesta dirección? Tratar de responder a esta pregunta parece levarnos a innumerables contradicións. Só por enumerar algunhas delas:

- Galicia conta só con un 7% do total da súa superficie, de terras de alta capacidade produtiva (por debaixo da media da UE), esenciais para garantir a seguridade alimentaria e das que temos escaso coñecemento e consciencia. Coñecemos sen embargo a escala de detalle a Rede Natura en Galicia.

- Galicia como democracia territorial sen ambición colectiva. Galicia é o paradigma da democratización da propiedade da terra. A metade da/os galega/os é titular dun pedazo de terra, mais coma sociedade, aínda non logramos entender como podemos facer funcional esta democratización da terra. Temos a doble responsabilidade e oportunidade, coma cidadán e coma propietario/a.

- A diversidade e a falta de información. A alta diversidade do territorio galego en termos de uso e propiedade contrasta coa pouca información existente, tanto do recurso terra, coma das súas dinámicas. Qué sabemos dos mercados de terras en Galicia? Existen?. Precisan algún tipo de acción pública?. Conviría actualizar a película (que remataba no 2005) e monitorizar en continuo?. Como actuar sen coñecer o que está a acontecer e onde?

- Desenvolvemento ou subdesenvolvemento. Pódese pensar que os cambios de usos que está tendo Galicia son síntomas do desenvolvemento. Pero o certo é que ningún país europeo desenvolvido sufríu nada parecido. Tales cambios fan que Galicia pareza unha rexión do oriente europeo inserida na Europa occidental.

- E de todas estas contradicións medran sen parar os lumes, o abandono, a urbanización difusa, a perda de paisaxes culturais, os desequilibrios territoriais. A principal ferramenta que temos para xestionar estos cambios, a política territorial, parece estar absorbida por estas contradicións e as veces impulsora das mesmas.

Como exemplos non hai máis que pensar nas Directrices de Ordenación do Territorio, onde unha serie de determinacións permitían articular e coordinar o uso da terra, mais seguen sen executarse. A proposta da nova lei do solo que se volve cada vez mais sectorial, e abandona a súa sorte a necesaria coordinación sectorial. A atrofia de iniciativas como o Banco de Terras (imitadas noutros países e comunidades autónomas). A vixente lei do solo que servíu para clasificar como urbanizable miles de hectáreas sen que ningún incremento de poboación o poida xustificar. Todo parece indicar que a acción política claudica ante os desafíos territoriais de Galicia.

Se non gusta a película que estamos vendo, se arrepía o final que poderia ter, un paso para comezar a cambiar o guión é concienciarse de que todos somos actores, e de que todos temos parte da responsabilidade en decidir e "acordar que facer coa terra que temos". Este é gran desafío. ¿Seremos quen de afrontalo?

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook