Segundo o historiador Polibio, Crisópolis era un lugar da antiga Grecia polo que había que pasar para ir con destino a Bizancio. O emperador Constantino chegouno a coñecer ben, pois alí derrotou a Licinio, o último dos seus grandes rivais, nunha cruenta guerra civil. Dito lugar fora fundado no século VII a.C. e etimoloxicamente significaba "cidade de ouro". Na época medieval trocou o nome que derivou ao actual Üsküdar, que vén sendo un distrito da moderna cidade de Estambul, en Turquía.

Por outra banda, no estado de Bahía, no Brasil, tamén existe unha cidade que leva por nome Crisópolis. Foi fundada aló polo ano 1962, o cal dá idea do recente que é este lugar. Pola pinta, a súa poboación non supera unha vila como a de Ribadavia, malia que a densidade indica que é grande en extensión, polo que os seus habitantes deben de andar moi espallados.

No que a min respecta, nunca escoitara este nome ata que por primeira vez na miña vida cheguei a ter novas deste enclave xeográfico a través da miña paixón pola literatura de ciencia ficción. Foi precisamente na biblioteca pública de A Ponte, que en paz descanse tal e como eu a cheguei a coñecer no seu día, onde se me permitiu por primeira vez coñecer a literatura de ciencia ficción que en España se facía. Unha literatura daquelas de clase B, traballada "daquela maneira", que podería enmarcarse na idade de Bronce da española, neste caso mencionamos un aparte na obra escrita por un autor ourensán que con ela fixo a súa única e breve incursión neste xénero científico. Non era a súa primeira obra. Xa tiña escrito obras de teatro (Edipo abandonado) e tíñase presentado a varios concursos literarios, nalgúns dos cales parece ser que quedara finalista.

Estamos a falar dun autor da talla de José Luis López Cid, quen deu clases no seu día no colexio Cisneros, onde os seus alumnos, hoxe xa maduriños o lembran como "o filósofo", pois alén de dar clases de literatura, tamén deu principalmente filosofía a algunhas xeracións.

Crisópolis é unha novela sobre unha cidade científica que sobrevive á destrución do mundo coñecido. Segundo Antonio González Morales, autor dunha Antoloxía española de ficción científica, é unha novela ben construída, con altibaixos no argumento. Hoxe en día resulta un luxo a todas horas tratar de acadala. Para lela, hai que vela cos ollos da época. Non é moi pródiga en inventos e moitas novidades comprensibles á nosa maneira de pensar moderna, e nalgúns dos seus capítulos ten algo de historia de difusión radiofónica. Pululan por entre as súas follas baixo unha contorna de fondo postnuclear estraña, os síntomas influenciados por un vello catolicismo imperante na realidade e as notas permisivas de historias de amor sen moita coherencia á maneira de soap opera que se levaban naquelas épocas dos anos cincuenta do pasado século.

Pero grazas a ela, sendo un xoven profesor de filosofía, gañou honrosamente o premio do "Ateneo de Madrid", aló polo ano 1956, outorgado por un prestixioso xurado entre os que estaban nada menos que os escritores Miguel Delibes e José Hierro. Todo un orgullo para un escritor ourensán naquelas.