¿Que é o que está facendo que os cidadáns deste país vexan os políticos como inimigos en lugar de como lexítimos representantes? Ó meu xuízo, a falta de honestidade, de franqueza, de rigor e de transparencia, porque todo o que son, o que cobran e o que representan débenllelo ós cidadáns que os votan, pero semella que é ó contrario, que serían os cidadáns os que lles deberían estar agradecidos a eles. O gran fallo da política destes últimos anos foi que moitos políticos deste país fixeron o que literalmente lles petou nas súas atribucións e, ademais, nin sequera se creron na obriga de dar explicacións, cando deberían estar obrando por e para o cidadán e ese debería ser o seu primordial cometido.

Eu, como cidadán ¿Como vou respectar a alguén que fai algo que, en teoría, me debería beneficiar e non só non me beneficia senón que prexudica os meus intereses lexítimos e por riba, en moitos casos, vai contra as leis establecidas? (véxase o que querían facer na Comunidade de Madrid coa privatización da Sanidade Pública). ¿Cal sería a solución a esta dexeneración moral da política e a saída cara a unha rexeneración futura? Evidentemente non habería unha soa solución, senón unha serie de medidas que puidesen levar a actual política a unha nova xeira.

Unha das medidas, moi interesante, coido que sería a de garantir (de verdade) a separación de poderes, é dicir, a despolitización da Xustiza, reforzando para iso a independencia do Poder Xudicial e do Fiscal Xeral do Estado, cambiando o modelo de nomeamento dos maxistrados e reformando o Tribunal de Contas para garantir tamén a transparencia económica dos partidos. Iso, que caería de caixón como base fundamental para unha sociedade moderna e democrática, é unha das cousas máis realmente difíciles de levar a cabo, non porque non sexa posible, senón porque non hai vontade ningunha de facelo. ¿Quen sairía gañando con esta medida?

Evidentemente os cidadáns, pero tamén os políticos honestos, que os hai, malia estaren inmersos na corrente dominante (os americanos chámanlle Mainstream) onde ser honestos case equivale a ser parvos.

Entre os cidadáns xa leva tempo estendédose a opinión de que todas as institucións son iguais, e isto é gravísimo. Se non cremos na xustiza, ¿en que imos crer nun país democrático? Sen xustiza non hai democracia posible. É imprescindible unha rexeneración da política, pero tamén dos poderes económicos, das empresas, das institucións e mesmo dos propios cidadáns, que temos que nos convencer da importancia que teñen para o futuro desta sociedade valores como a honradez, o esforzo, o compromiso, a xustiza, a liberdade, o respecto ó outro e por suposto a educación e o coñecemento, que son piares fundamentais para facer máis libres e máis xustas as persoas.

Sei que para moitas persoas que se dedican a actividade política é difícil non sucumbir ás tentacións do poder e non vender os seus principios e valores, que deberían ser a favor do pobo que representan e gobernan, a cambio dunha política que lles trae máis éxito e ganancias persoais. Por mor dos diversos intereses que hai que consolidar baixo un denominador común, durante un período de goberno, é bastante difícil seguir cunha actitude honesta de principio a fin.

Un político honesto debería de mostrarse íntegro, no seu dicir e no seu actuar, polo que actitudes que demostren oportunismo, hipocrisía, compadreo e corrupción son características que un político que siga un camiño recto non podería aceptar. - non resulta imposible se os políticos seguen o chamado da conciencia dunha ética política e se identifican co que dixo hai moitos anos Thomas Jefferson: "Cando alguén asume un cargo público, debe considerarse a si mesmo como propiedade pública".

*Escritor e presidente de Foro Forcarei