16 de febrero de 2011
16.02.2011
Faro de Vigo

Román Yarza

Alfonso Álvarez Cáccamo

16.02.2011 | 01:10

Rematou xa o magnífico suplemento coleccionable do Faro de Vigo que trata sobre eses personaxes –curiosamente, case todos homes- que fixeron que esta nosa amada cidade sexa o que é, con todos os seus defectos e con todas as súas virtudes e valentías, o progreso industrial e o progreso cultural. Non quixera eu ter que padecer as decisións e as indecisións do coordinador deste traballo, e moito menos na hora de escoller qué vigueses (e poucas viguesas) foron construindo co seu mérito persoal, e mesmo co sacrificio da súa vida, a realidade da nosa amada cidade no ano 2011. Amada cidade, claro que si, por moi rariña que nos saise ás veces. Amada cidade, cidade valente e cidade convulsa, e cidade moi distinta por moito que se nos tente unificar con todas as demais de Galiza. Síntome moi orgulloso de ser vigués, e nada menos que das Travesas. Ese amor a Vigo meteumo o meu pai na alma desde que tiven conciencia de pertencer a un territorio determinado. O meu pai era tudense de nacencia, e vigués de corazón polo amor da cidade que o acolleu.
Non quixera eu estar na intelixencia, que demostrou cun bo facer, e sen erros, do coordinador/a deste suplemento, porque escoller é ben difícil, como ter que incluir nomes que lle fixeron un fraco favor a Vigo, pero que eran personaxes de Vigo, compartídoos con outros que deron a vida pola defensa da nosa cidade e sobre todo pola defensa da legalidade. Pero no suplemento hai grandes ausencias (atribuibles á falta de espacio) algunhas familiares como os irmáns Darío, Emilio ou Álvaro Álvarez Blázquez, e excesivas presencias de personaxes que só tentaron, e conseguiron lucrarse. O lucro persoal, ás veces, supón unha mellora para a colectividade, que menos. De todos eses dos que desconfío plenamente, non vou dicir nin media palabra.
As ausencias son máis graves, e delas vou falar. Ademais dunha longa lista de mulleres esquecidas, cousa que segue sendo ingratamente habitual, non figuran certos nomes de xentes como os irmáns Yarza Ormazábal, don Román, don Joaquín e do Tomás. Non eran de Vigo, como tampouco era o cronista oficial Álvarez Blázquez, ou os Massó, ou os Curbera, ou tantos outros, Eran vascos, pero deixaron o seu esforzo, especialmente Román Yarza, por mellorar e dar empregos a esta cidade. Don Román,–así o chamarei sempre- deixou a vida polo progreso de Vigo. Xamais colleu vacacións. Adoraba e confiaba no traballo. Para min foi o personaxe máis sorprendente que coñecin pola súa fe, católica por suposto, e pola súa fe increbrantable na capacidade do ser humano, "se se traballa, se levanta un país". Tiven a boa sorte de coñecelo, o Aitatxo dos meus amigos Yarza, de falar con el, que me tratase como un adultiño aos meus catorce anos, de coñecer a súa profunda ética, o seu doce carácter, a súa irrenunciable capacidade do poder da palabra e do diálogo, a súa valentía despois de graves padecementos no cárcere durante dous anos, se non me equivoco, por ser do PNV, a súa bonhomía, a súa elegancia, a súa educación exquisita, o seu amor aos fillos e á súa esposa Maritxu, un modelo de fortaleza e de beleza, a súa serenidade e a súa intelixencia. E fixo moito, moitísimo por Vigo. Estou seguro que don Román Yarza Ormazábal non ten un só inimigo no recordo. Estou seguro que, despois de ler isto que escribo co corazón e coa nostalxia en flor, é posible que alguén se decida a escribir unha carta no seu recordo na sección do Faro, "Cartas ao director", quizais algún dos obreiros que traballaron en Construccións Navales Yarza, de Ríos- Chapela- Redondela. Eu necesitaba liberar este afecto, para Juanjo, Joaquín, Javiertxu e a Ana Mari. Tamén necesitaba dicir que é necesario ampliar ese magnífico suplemento do Faro de Vigo no que se mencionan aos que fixeron posible a nosa cidade e de que se fale de don Román Yarza con tantas liñas como as dedicadas a Álvaro Cunqueiro quen, por certo, tampouco era vigués. Cunqueiro construía historias. Yarza construía buques.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook