Vigo cumpre 200 anos como cidade. Cidade Fiel, Leal e Valerosa, título concedido en recoñecemento á coraxe, á valentía e ao carácter dos vigueses e viguesas; a primeira poboación de España en liberarse das tropas napoleónicas.

Aquela data marcou un novo rumbo no compás da historia viguesa. Aqueles albores de prosperidade transformáronse nesta gran cidade gracias á forza do cidadán vigués –o de onte, o de hoxe e o de mañá–, que porta con orgullo os valores que acompañan a heráldica de Vigo.

Na configuración da cidade heteroxénea do século XXI xorden nomes de persoas claves para entender o noso pasado e presente, como Álvaro Cunqueiro e Laxeiro; Heraclio Botana e Emilio Martínez Garrido; Concepción Areal e Celso Emilio Ferreiro; Ricardo Mella e Sanjurjo Badía; e institucións chamadas a continuar protagonizando o noso futuro, como a pesca e o naval; o Porto de Vigo e PSA Peugeot-Citroën; o Real Club Celta e o FARO DE VIGO; Radio Vigo e a nosa Universidade, a Zona Franca e Caixanova. Son só un esbozo da magna obra creada por todos e cada un dos vigueses e das viguesas ao longo da historia, aqueles que encarnan o carácter de toda unha cidade: a solidariedade, a constancia e a creatividade.

Porque Vigo é dinamismo económico, empresarial e máis. Vigo foi capaz de crear o seu mundo de servizos, de atención turística, de espazos comerciais, foi quen de convertirse nunha cidade acolledora; e o acadou novamente desde o traballo anónimo da cidadanía. Do seu esforzo aprendimos a encarar as dificultades e a superalas para lograr o desenvolvemento da cidade.

O impulso de Vigo é o seu propio; o das súas mans; o dos seus cidadáns. Son os artífices únicos do salto de xigante que experimentou a urbe nos dous últimos séculos; e continúan a representar a principal garantía de futuro. Así acadamos a actual prosperidade, situámonos á cabeza de Galicia, e no respecto aos valores tradicionais atopamos a receita do crecemento dos próximos séculos.

A historia de Vigo, da que estamos orgullosos, non fixo máis que comezar. Vigo é un verso dun gran poema, creado da inspiración independente dos seus autores, os seus moradores; expresión poética dunha cidade con musicalidade e ritmo sutil e complexo que supera o monótono compás tradicional. Vigo fíxose a si mesma, coa única atadura da súa propia iniciativa. A nosa cidade só escribiu as primeiras páxinas da súa historia, por diante temos o reto de continuar superando etapas, xuntos cóbado con cóbado todos os vigueses.