16 de enero de 2010
16.01.2010

Contra os profesores

Moncha Fuentes - Catedrática de Lengua española no IES Santa Irene de Vigo

16.01.2010 | 07:30

As bases do decreto lingüístico que a Xunta sacou á luz pública con nocturnidade e aleivosía o 30 de decembro suponen un retroceso no uso do galego no ensino e un novo e radical atentado contra os dereitos do profesorado (non universitario). Pero isto non se pode dicir. Non se pode dicir, porque se se di, tódolos milleiros de persoas que pensamos así pasamos a ser chamados radicais, extremistas, retrógrados e sobre todo€ antidemócratas!!
É incríbel; a ciencia afirma rotunda que en Galicia existe diglosia pero o PP saca do chapeo un filólogo redentor, converso no camiño do poder, que non só desminte tal aseveración senon que, cun toque de variña máxica e redobre circense, proclama aos catro ventos: os tempos son chegados porque en Galicia desde o 30 de decembro pola mañán volve haber bilingüismo hermónico, que digo bilingüismo, hai trilingüismo harmónico. E todo o demais é política (isto último debe pronunciarse en ton despectivo). É curioso que sempre sexan os políticos os que nos digan ás persoas que non pensamos coma eles que facemos política!
En calquera caso o PP teno moi claro: non hai que facer política coa lingua (con cal? Boa pregunta). Agora, un pouco de seriedade. Parece ser que o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega da Xunta de Galicia presidida por Manuel Fraga Iribarne, e no que figura como secretario da Comsión Sectorial nº 2 Anxo M. Lorenzo Suárez, non o podo crer, era€ político! E o Decreto de Normalización do bipartito (léase radicais BNG-PSOE) do ano 2007, era€ político! Porén, en troques, nembargantes, este novo decreto lingüístico, este decreto de verdade, serio, rigoroso, este decreto avalado pola única enquisa obxetiva, científica e democrática realizada nos centros de ensino (non universitario), este decreto non é € político! Este decreto progresista que vai permitir que en infantil e primaria os alumnos que non coñezan o galego sigan sen coñecelo (non se vaian contaminar de ruralismo, porque una cosa es leerle al niño un cuentito en gallego e outra que lle ensinen os números, que el niño se me trabuca, verdade dona Corina?, porque é evidente que onde estea "dos", ou "two", vamos, ou "deux", ou "due", que para o caso é o mesmo, por que en galego "dous", a mesma palabra o indica, soa fatal e aínda por riba existe "dúas" y el niño se me descoloca), pois ben, ao que iamos, este decreto miraculoso e salvador, este novo decreto da Xunta de Galicia presidida por Alberto Núñez Feijoo, este decreto non é€ político! E nós sen sabelo.
De xeito e maneira que:
1. Se, lidas as bases do decreto, eu continúo pensando que despois de tres décadas este é o maior intento político de defenestrar, ningunear, rebaixar e desprotexer a lingua galega, de considerala sempre unha lingua subsidiaria e nunca unha lingua principal, iso quere dicir que eu son unha radical e ademáis non pertenzo á mayoría silenciosa. (Pertencerei entón a unha minoría falante?) A verdade é que o señor socilingüista falante, Anxo M. Lorenzo, non o podo crer, parece retrotraerse a infelices épocas pretéritas e quérenos converter en mudos a todos aqueles que non pensamos coma el.
2. Se, lidas e relidas as bases deste decreto, eu reflexiono, razoo e conclúo que estas bases suponen un novo atentado contra o ensino público (non universitario) porque pretenden converter escolas e institutos en pequenos pero nunca inocentes reinos de Taifas esnaquizados e diferenciados; se persisto na idea perversa e malévola de que este decreto lles arrebata aos profesores (alguén sabe para que serve un profesor?) definitivamente vox et autoritas para entregárllelas aos país (nai, pai, avó, avoa, titor, titora, parella de feito, matrimonio civil ou relixioso) que a partires deste decreto Terán poder regulador, non xa sobre a lingu vehicular, senon sobre as linguas vehiculares (three), e as materias respectivas no ensino infantil, primario e secundario; se eu persisto en todo o dito anteriormente, eu non teño remedio, eu son unha antidemócrata!

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook