Houbo un tempo no que os inocentes pensaban que o racismo, a xenofobia e o apartheid eran cousas que lles pasaban a outros e que tiñan como escenario países distantes. Celso Emilio escribía: "Negro linchado en Little Rock, Arkansas". Farruco Sesto Novás, o seu herdeiro ideolóxico e poético, profería: "Poñerei fogo a Jacksonville". En canto a África do Sul, Lois Soto mandábamos moi recomendado desde México D.F. o libro dun Nelson Mandela preso e marxista. Logo veu o doutor Martin Luther King e puxo tenras as almas de ben co seu discurso famoso no que contaba o do soño. Eramos nacionalistas galegos de esquerda.

Hoxe hai nacionalistas galegos expulsados do BNG que proclaman a súa amizade con Israel e xustifican o apartheid dos territorios ocupados contra toda lei de xentes e contra a norma internacional vixente. Outros nacionalistas galegos, ben instalados no BNG, lanzan en Poio un progrom contra os veciños xitanos do Vao perante a indiferencia de todo o país e sen unha voz de protesta nos medios. O racismo do BNG de Poio pasa a Pontevedra, onde o seu alcalde (tamén BNG) remata a xogada fechándolle as portas da cidade de Teucro Valiente aos expulsados da outra banda do Lores. Logo están as masas populares, como en Little Rock: en Monte Porreiro, por exemplo lugar que se mobiliza para impedir a veciñanza dos xitanos. En Caritel, sen embargo, o racismo, tamén nacionalista galego, cobra xa forma de cruz gamada acompañada do nome de Galiza (sic). E nisto, vén Anxo Quintana e coroa práctica racista dos seus correlixionarios con esta insigne parvada: "Hai que crear poboados de transición".

No meu tocata está a soar, mentres escribo, a voz de José Afonso: "Eu nâo quero o que tu queres / eu sou de outra condiçâo". Felizmente, nós somos doutra condición.

Pesia a que lles doa na ialma a algúns de Poio, de Portonovo, de Pontevedra, de Caritel, os xitanos son na súa maioría galegos en plenitude dos dereitos civís que nos protexen, aínda que pertenzan unha antiga e nobre minoría étnica de estirpe indostánica. Vexan senón que o apelido Montoya, tan deles, se encontra no número 350 na lista dos usados en Galicia. Non podemos, pois, falar de xenofobia, que en grego significa "odio ao estranxeiro".

Xenofobia, en rigor, é o que florece no concello de Vilaboa e esta exércese contra os pacíficos, e abstemios traballadores estranxeiros que, procedentes do Magreb, viven principalmente na freguesía de Paredes. Sempre en galego e sempre en Galiza, as pintadas encheron os muros dos bairros deste municipio que é base xeográfica do Morrazo: "Fóra os mouros de Vilaboa!" O alcalde, do PSOE, prohibiulle aos emigrantes levantar unha pequena mezquita, vulnerando o principio democrático da liberdade de cultos. Digo máis, o aspirante do Partido Galeguista (qué noxo) á alcaldía de Redondela incluiu no seu programa electoral a promesa de que nunca permitiría unha mezquita nin na vila dos acueductos nin en ningún punto do seu termo municipal. E ninguén ou case ninguén se escandalizou.