Dende hai trinta e seis anos os lectores de "Faro de Vigo" temos unha cita diaria co chiste de Quesada. Dezaseis mil alustros de ironía en branco e negro, milleiros de pezas para ser ridas e compartidas escolmadas nunha publicación antolóxica, "Chispas de Quesada" (Xerais 2007), que será presentada o vindeiro xoves 22 de novembro no salón de Ámbito Cultural de El Corte Inglés de Vigo. O decano dos humoristas gráficos galegos recibirá ese día unha merecida homenaxe polo seu traballo xornalístico de catro décadas, onde empregando as sutís ferramentas de arte tan inaprensible, esguía e difícil como é o humorismo gráfico, puxo as doses necesarias de retranca para iluminar aos seus lectores sobre os aconteceres da actualidade política, social, deportiva do mundo, de Galicia e, especialmente, da cidade de Vigo.

"Quesada" (Fernando Quesada Porto) naceu en Ourense en 1933. Terceiro irmán dunha familia de pintores, que axiña quedaron orfos de pai e ensaiaron o seu labor creativo dende moi miúdos, comezou a publicar os seus primeiros debuxos na revista do Club Deportivo Ourense, onde Carlos Casares di que "xogaba de forma xenial". Despois de rematados os seus estudos de Profesorado Mercantil e de ingresar en 1958 no corpo de xestión da Facenda Pública (onde traballou ata a súa xubilación), chegou a Vigo, iniciando en 1961 a súa colaboración en "Faro de Vigo". Foron Manuel Cerezales González, daquela director do decano, e Xosé Díaz Jácome, redactor xefe, os que o arrufaron a publicar as súas viñetas sobre temas de política internacional, xa que daquela, en plena Ditadura, non era posible abordar outras cuestións. Exitosa colaboración que ampliaría, dende 1964, coa súa presenza nas páxinas da prensa madrileña, primeiro en "Arriba", daquela dirixido polo pontevedrés Manuel Blanco Tobío e, logo a partir de 1969, no vespertino "Pueblo", onde os seus chistes adquiriron gran popularidade, e noutras moitas revistas como a sonada "La Codorniz".

Fernando contoume como daquela mandaba o seu chiste a Madrid polo tren que saía cada tarde da Estación ás oito e cuarto. Xeralmente non había problema, mais algunha vez, cando non secara o entintado dos seus habituais caricaturizados (Nixon, De Gaulle, Mao Tse Tung ou Golda Meir) ou non lle atopara decontado os tres pés ao gato, o maquinista do expreso debía recollelo en Redondela ou Porriño, estacións ás que Fernando saía disparado no seu seiscentos para entregarlle a viñeta que comezara a preparar nas horas da sesta, despois dun día na oficina. Anécdota, contada tamén por Emilio Álvarez Blázquez, que demostra que aquel tren da noite levou durante moito tempo, ademais do mellor peixe fresco da nosa Ribeira, outras mercado-rías non menos exquisitas, os "pasatempos e filosofías, grazas e retrancas" do noso grande humorista.

Coa tímida (timidísima, sería máis axeitado dicir) apertura dos setenta, Quesada foi gañando peza a peza os límites da temática dos seus chistes explorando a cotidianidade da cultura tradicional e empregando, xa dende 1970, a lingua galega como a principal das súas viñetas, o que en palabras de Francisco Pablos "permitiulle reinventar un país". É entón cando aparecen os seus personaxes máis característicos e divertidos: os labregos mestres da retranca, os afiadores que levan media hora pedindo paso, os emigrantes sentados nas súas maletas, os albaneis e os canteiros que manexan petrodólares, os gameleiros que adiantan en cambio de rasante ou os maquinistas que botan terra a un asuntiño... Serie de viñetas recollida no libro "Chispas da roda", publicado na colección "O Moucho" das Edicións Castrelos dirixidas por Xosé María Álvarez Blázquez (o editor que será homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008), que obtivo un enorme éxito popular, sendo continuamente reeditada, e á que seguiron outros libros publicados pola editorial Galaxia baixo os títulos de "Xente esgalla" (1981), "Xente de hoxe" (1985) e "Xente para todo" (1987).

Quesada -tamén un interesante pintor figurativo de tendencia expresionista- recibiu os máis importantes galardóns polo seu traballo como xornalista gráfico, dende o "Mingote" (concedido por "ABC"), o Agroman, á "Curuxa do Humor" outorgada polo Museo do Humor de Fene. Mais sobre todo, recibiu e segue recibindo os parabéns diarios dos seus milleiros de seguidores que procuran nos seus chistes e caricaturas de "Faro", que fan falar aos galegos na linguaxe universal do humor intelixente e destilado, unha visión entrañable e piadosa da vida. Fernando Quesada, ese tipo xenial de aspecto incontrolado, ese "coñeiro" que atopa os furados agachados do cotián, merece o noso recoñecemento. Acompañarémolo, xunto a Ceferino de Blas, o xoves na presentación das súas "Chispas de Quesada". Quedan convidados.

bretemas@gmail.com