O programa Traes unha cantiga? segue o próximo mércores (TVG, ás 22.00 horas) o seu percorrido pola xeografía galega en busca dos cantos de taberna máis populares do país. O Carballiño será a séptima localidade na que fai parada este espazo, realizado por Producións Celta e que presenta Noelia Rey.

O xurado de expertos, que integran a cantante Sheila Patricia e o musico Alfredo Dourado, membro de A Roda, contará esta semana coa axuda da fadista María do Ceo, unha voz privilexiada que conseguiu que o fado forme parte da cultura galega creando un estilo propio: o fado miñoto.

Tres agrupacións, procedentes do Carballiño e Leiro, interpretarán as súas propostas no programa, que terá como escenario o restaurante Rincón Azteca, situado no centro do Carballiño. Entre elas, o xurado tomará unha decisión que levará a incluir unha das cantigas entre as máis populares do repertorio tradicional de Galicia.

O primeiro canto en soar no programa será o interpretado por Tokaide, un grupo formado hai uns oito anos por dous matrimonios e os seus fillos, Son un dos grupos habituais nos cantos de taberna do Carballiño e noutras localidades da provincia e de toda Galicia. Din que lles gusta moito ir aos cantos de taberna, porque teñen un ambiente máis informal que outro tipo de actuacións nas que participan. Teñen un repertorio moi amplo e non repiten pezas na mesma actuación a non ser que o público llas pida. A cantiga elixida para Traes unha cantiga? é “Catro vellos mariñeiros”, un clásico da música de taberna. A instrumentación que utilizan é gaitas, tambor, bombo, pandeireta, cunchas e requinta.

Os Veteranos de Berán achégase dende Leiro. É un dos grupos máis antigos da provincia, xa que foi fundado no ano 1964. Xurdiu grazas ás clases de música que daba o tamén profesor da escola de Berán, Antonio Tizón. Da primeira promoción saíu un grupo formado por uns cantos mozos de entre 14 e 17 anos e daquela non tiñan nome do grupo. Foron a actuar á Feira do Viño de Ribadavia, e un xornalista púxolle o nome de Veteranos de Berán, facendo unha broma por ser moi novos. Agora, lembrando aquelo, din que hoxe que xa todos teñen unha idade, pégalles máis o nome, porque daquela eran uns rapaciños. O grupo estivo sen actividade dende os anos 90 ata o 2017, cando un dos membros regresou vivir a Leiro e volveron xuntarse. O grupo está formado por dez homes, e utilizan a instrumentación de gaita, percusión tradicional e acordeón. O tema que presentan a concurso é “Foliada de Ourense”, que escolleron por consideralo un himno non oficial da provincia de Ourense.

A última proposta chega da man de Lumiscas, grupo que xorde da unión dos grupos Lumieira e As Faíscas. Lumieira creouse a partir da asociación de veciños de Partovia no Carballiño, nas clases de música que se impartían na asociación. As Faíscas naceron tamén a partir de clases de música organizadas polo Concello de Boborás. E como a profesora era a mesma en ambos lugares, Conchi Cibeira, xurdiu a unificación dos dous grupos. A gran maioría son mulleres que aprenderon a tocar e cantar xa a unha idade máis tardía do habitual, non tendo intención de actuar en público, e agora din que non o deixarían nunca, porque é como unha terapia para elas. Só utilizan como instrumentos percusión como pandeiretas, pandeiro, cunchas, botella ou culleres e tarrañolas. En Traes unha cantiga? interpretan un dos temas más cantados da musica galega “Pousa, pousa”, tema que popularizou o grupo A Roda.