Alfredo Dourado é, canda a cantante Sheila Patricia, membro permanente do xurado do programa da TVG Traes unha cantiga?, que na emisión desta noite (22.25 horas) se achega a Rianxo na procura dun novo canto de taberna co que ampliar a listaxe dos máis populares de Galicia. Membro do grupo A Roda, Dourado coñece ben o repertorio tradicional e pon a súa experiencia ao servizo dun espazo que pretende poñer en valor a nosa tradición musical.

–Que significa para ti como membro de A Roda, referencia da música popular en Galicia e dos cantos de taberna, que TVG decidira producir o programa Traes unha cantiga?

–Cómpre lembrar que A Roda foi o primeiro grupo en dar visibilidade aos cantos de taberna, nunha época moi diferente á de agora. Coido que é importante visualizar outra dimensión da música popular como é a canción de taberna, esa que para nós os galegos é a nosa música de cámara, culta, aínda que non o pareza. Creo que foi un acerto da nosa televisión pública dar luz, amosar un mundo que, por certo, poucas ou ningunha vez contemplamos.

–O programa vai sorprender aos espectadores?

–Agardo que si, como digo o canto popular é unha variable máis do noso, xa rico, eido musical. E vai sorprender, porque é algo inédito e porque a todos nos gusta ver a xente que coñecemos, ás veces en roles que descoñecemos, e iso é o que acontece con este programa, amosa en cada lugar unha nova realidade, unha taberna diferente, unha cantiga que descoñeciamos, un veciño que non sabiamos del, ou nin sequera que sabía cantar, e mesmo ben. Coido que hai que ter fachenda da música de taberna.

–A ti sorprendeuche como se desenvolveu o programa?

–Pensemos que un programa de televisión ten unhas pautas, un guión, etc... porén, non deixa de sorprender como a realidade supera á ficción... Explícome. Certamente hai tópicos, comportamentos aprendidos de como somos e nos relacionamos nun espazo público, neste caso unha taberna, cantamos dun xeito específico, bebemos viño “normalmente” e, malia isto, por veces a improvisación, o anecdótico aparece, isto é o sorpresivo. Alguén que salta cun conto, a letra dunha cantiga que non esperabas ou mesmo, e isto sucedeu de verdade, un aturuxo que nunca escoitaras. Esa é a maxia do público, e neses intres é cando somos máis nós.

–Cres que o programa é fiel ao espírito dos cantos de taberna?

–Coido que reflicte moi ben esa realidade. Pensemos que ten que haber unha labor de adaptación ao medio televisivo, e isto acontece cos espazos, as tabernas, pero aí está a adaptación á que me refiro, un programa de televisión ten unha serie de condicionantes. Por outra banda tamén temos que reflexionar de cal é “o espírito da taberna”. Existe algún? Hai algo realmente xenuíno, enxebre? Aí queda a pregunta...

–Como foi a labor do xurado, complexa?

–Houbo intres moi complicados nos que mesmo tivemos que pedir apoio “psicolóxico”, é broma... pero si houbo que pedir algún consello, iso é certo. Non sempre estás inspirado, nin sempre un é totalmente obxectivo, mesmo algunha vez tes a sensación de equivocarte, isto é lóxico, ninguén ten unha variña co poder da verdade. Malia a complexidade, tamén, e para ser sincero, houbo veces en que estaba “cantado”, nunca mellor dito.

–De todos os xeitos non se xulga aos grupos, en cada programa búscase designar cal das cancións merece considerarse a máis popular. Que buscades en cada canción?

–Si, é importante sinalar que efectivamente non xulgamos grupos, porque o programa non quere fomentar a rivalidade, isto é importante. É difícil dicir o que se busca nunha canción, por veces escolles unha canción “hiperpopularizada” e doutras veces unha moi pouco coñecida, xa que logo, non hai un criterio, non debe habelo. Eu coido que sempre me deixei levar pola emoción

–Compartes xurado con Sheila Patricia e, en cada programa, tamén cun músico convidado distinto. É doado coincidir en que cantiga debe escollerse?

–Non sempre, hay moito debate, como digo a min gústame dubidar, non hai unha verdade absoluta nisto da canción. Case sempre chegamos a bo porto e certamente tamén moitas veces tiñámolo moi claro, ó sermos tres no xurado tamén ás veces un ten o voto definitivo, unha gran responsabilidade...

–E ao mundo do canto de taberna que pensas que lle vai aportar o programa?

–A taberna é un mundo antigo, como dixen, xa non existen, son animais totémicos. Para min é un mundo mítico e mitificado do que me contaban os vellos, meu pai: como historias dun tal Sr. D. Gil, un vello que cantaba moi ben e sempre se sentaba ao final da barra para entoar esas cancións que a día de hoxe serían tesouros. E isto non é un ubi sunt, nin “calquera tempo pasado foi mellor”, é simplemente tomar conciencia de onde vimos. Como digo eu son neófito no mundo dos vellos tabernícolas, pero coido que teño interese e é un mundo que me atrae, son dos que arrinco tamén cunha canción cando estou nun bar-pseudotaberna, pero é triste ver como ninguén se suma, como ninguén xa non sabe facer un contracanto, unha terceira mariñeira, a iso me refiro... O programa dignifica o canto de taberna.