O espazo Xente Marabillosa da Televisión de Galicia (domingos ás 22.40 horas) continúa situado semana tras semana como o contido máis competitivo de todas as televisións autonómicas na franxa do domingo pola noite e as súas cámaras ocultas dispáranse cada semana ao subilas a Internet. A suma de visualizacións en Facebook, Instagram, TikTok e YouTube supera xa os 4 000 000 en apenas un mes. 

O programa, digno representante da televisión do S.XXI, presenta os seus contidos en todos os soportes posibles, adaptándose aos seus condicionantes de formato e duración, e rexuvenecendo os espectadores das televisións autonómicas.

Os espectadores galegos acolleron con entusiasmo esta proposta de televisión pública, de entretemento con compromiso e de longo percorrido, tanto na súa emisión por televisión como a través de Internet.

É un éxito que, non obstante, non colle por sorpresa: en Andalucía e Canarias Xente Marabillosa consolidouse aportando moitísimo máis ca un contido de prime time á grella do canal autonómico. Este fenómeno emerxente demostra capacidade de desenvolvemento, crecemento e, sobre todo, apego da sociedade galega, onde o formato se adaptou con personalidade propia, diferenciándose de seus ‘irmáns’ ca-nario e andaluz. 

Continuando coa súa vocación de concienciación social, esta semana Lucía Rodríguez e todo o seu equipo ‘marabilloso’ visibilizan a rivalidade existente no deporte. Na cámara oculta, tomada nun café da Coruña, hai un mozo que entra con intención de tomar algo e viste a camiseta do Celta de Vigo. O camareiro, que é do Deportivo da Coruña, nada máis velo reacciona de mala maneira e discrimínao por ser simpatizante do equipo rival. Haberá xente marabillosa que saia en defensa do mozo do Celta?

A presentadora Lucía Rodríguez estará acompañada no estudio de Terio Carrera e Carlos Macía como padriños, ambos coñecidos presentadores dos servizos de información deportiva da Televisión de Galicia. Serán os encargados de entregar o trofeo de Xente Marabillosa.

As sorpresas están aseguradas esta semana nesta nova edición que contará con dous marabillosos anónimos, protagonistas na cámara oculta xunto ao neno que viste a camiseta do Celta de Vigo. O programa busca emocionar a estas persoas polo seu gran comportamento e tratará de que vivan unha experiencia inesquecible.

No plano musical, esta semana en Xente Marabillosa actúa a artista Lucía Pérez, quen será parte da sorpresa dun dos marabillosos co seu espectáculo