A cuarta entrega de 'Xente marabillosa' chega á Televisión de Galicia co obxectivo de visibilizar a discriminación que sofren as persoas que padecen algún tipo de trastorno mental.

A saúde mental é un dos grandes tabús da nosa sociedade e, polo tanto, tamén da nosa televisión. Practicamente ningún programa aborda esta cuestión e moito menos nun programa de entretemento en horario de prime time.

Dende o absoluto respecto que require a temática, coa empatía, solidariedade e cariño que caracteriza 'Xente marabillosa', o programa deste domingo pola noite na TVG retira o veo que agocha unha realidade social que existe, que é real, e da que poucas veces se fala.

O 9 % da poboación ten algún tipo de problema de saúde mental e o 25 % chegará a telo nalgún momento ó longo da súa vida, segundo a OMS. O 6,7 % da poboación está afectada por ansiedade, exactamente a mesma cifra que a de persoas con depresión. En ámbalas dúas danse máis do dobre de casos en mulleres ca en homes.

O 9 % da poboación ten algún tipo de problema de saúde mental e o 25 % chegará a telo nalgún momento ó longo da súa vida, segundo a OMS

Entre o 2,5 % e o 3 % da poboación adulta ten un trastorno mental grave. Isto supón máis dun millón de persoas en todo o país.

En España pódense atribuír entre o 11 % e o 27 % dos problemas de saúde mental ás condicións do traballo.

Lucía Rodríguez e Chelo García-Cortés, ambas ourensás, durante un momento do espazo televisivo.

Desta maneira, o domingo pola noite Lucía Rodríguez contará coa presenza no estudio da xornalista Chelo García-Cortés, moi implicada neste tema.

Chelo comentou noutros medios que súa nai, que padecía problemas de saúde mental, suicidouse cando ela tiña 11 anos e, agora, de novo, a súa parella ten problemas similares. Ela será a encargada de entregar os trofeos de 'Xente marabillosa'.

Chelo comentou noutros medios que súa nai, que padecía problemas de saúde mental, suicidouse cando ela tiña 11 anos

Na cámara oculta desta semana, que ten lugar nunha froitería, vemos un cliente e un repartidor da tenda, ambos interpretados por dous actores.

A clienta non quere que o repartidor, que sofre esquizofrenia pero está medicado e coa enfermidade controlada, realice o servizo de entrega ó seu domicilio. Haberá xente que saia en defensa do rapaz da tenda?

Outro protagonista do programa será Paco Lodeiro, coñecido presentador da Televisión de Galicia, que verá como un camareiro de hotel é discriminado por un cliente. Como reaccionará ante esta situación?

Por suposto, non faltarán sorpresas tanto para o marabilloso anónimo coma para o propio Paco Lodeiro.

Para facer este programa, 'Xente marabillosa' contou coa colaboración apoio e tutela de Andaina Asociación Pro Saúde Mental, sen a que non tería sido posible abordar esta temática coa proximidade e rigor que require.

Grande acollida do público galego a 'Xente marabillosa'

O pasado programa de 'Xente marabillosa' converteuse no programa máis visto da Televisión de Galicia o domingo, cun 11,4 % de audiencia e un total de 185 000 contactos únicos durante a súa emisión. Líder indiscutible da noite entre todas as canles autonómicas de España, 'Xente marabillosa' foi o contido rexional máis competitivo do país fronte aos contidos ofrecidos polas canles nacionais.

Os cebos das cámaras ocultas rexistraron, ademais, máis de dous millóns de visualizacións e continúan sumando visitas ata converterse en todo un fenómeno viral en Internet, así como nun dos contidos máis vistos da Televisión de Galicia en redes sociais.