Tan só unha semana despois da estrea de Xente Marabillosa na Televisión de Galicia, o programa xa ten unha segunda vida na internet cuns resultados explosivos en redes sociais que demostran que, cando o contido é de interese, o seu seguimento é masivo.  

O formato televisivo de cámara oculta e servizo público recén estreado en Galicia obtén un crecemento en instagram de máis do 200% na súa primeira semana de vida, cun alcance nas súas publicacións de 227.000 usuarios e cerca de 1.000.000 de impresións dos seus contidos, todo iso en sete días dende a súa estrea o pasado domingo 23 de abril.   

En Facebook, o alcance das publicacións supera igualmente as 200.000 persoas, cunha interacción dos seus contidos que roza os 50.000 usuarios e cerca de 5.000 reaccións aos videos publicados na páxina oficial do programa. O vídeo promocional da estrea roza o cuarto de millón de impresións, con 209.659 impactos e 14.658 interaccións (“likes”, compartidos e comentarios).   

O primeiro video de cámara oculta publicado no perfil de TikTok da Televisión de Galicia relacionado con este programa presentado por Lucía Rodríguez dinamitou todas as previsións e os resultados medios da canle con cerca de medio millón de reproducións, o que supón dez veces máis que a media de contidos habituais de dito perfil de TikTok.  

https://www.instagram.com/p/CrOHhqdrHvD/

Por outra banda, na canle de Youtube da Televisión de Galicia, o contido de Xente Marabillosa achégase ás 12.000 visualizacións, de novo un resultado que multiplica por dez a media habitual.  

Neste video recréase unha escena na que a coñecida actriz galega Maria Mera reacciona ante un pretendido caso de glotofobia en relación co uso do galego nunha tenda de roupa, onde supostamente a unha empregada non se lle permite falar na súa lingua materna e obríganlle a usar o castelán. A actriz non pode crer o que está vivindo e sae en defensa da empregada reivindicando o uso do galego no ámbito laboral e en calquera aspecto da vida cotiá con frases como “paréceme unha falta de respecto cando está facendo perfectamente o seu traballo, ademáis está en Galicia”. A reacción do público en internet está sendo masiva.  

A cámara oculta protagonizada por María Mera é a primeira que se emite deste programa que cada semana aborda un tema social diferente. No programa que se emite este domingo 23 ás 22:40h, abordará o tema da violencia de xénero, unha realidade que tamén contará cunha cámara oculta en que se recrea unha situación de acoso que sofre unha muller por parte da súa parella. Estos papéis interpretaraos un actor e unha vítima real de violencia de xénero.  

Lucía Rodríguez contará no plató de Xente Marabillosa coa presenza da afamada presentadora Toñi Moreno, unha experta neste formato xa que o conduce con gran éxito dende hai máis de 5 anos na televisión andaluza. 

Ambas comentarán e darán visibilidade a unha das grandes problemáticas da nosa sociedade e darán a benvida no estudio a dúas mulleres marabillosas que non dubidan en intervir ante a discriminación que sofre a vítima nas cámaras ocultas polo simple feito de ser muller

As espectaculares cifras de internet van en consonancia coa aceptación do formato nas súas versións canaria e andaluza, onde o programas ‘irmáns’ de Xente Marabillosa colleitan nas súas redes sociais dende varias tempadas ducias de millóns de visualizacións e convertéronse en todo un fito que supera con moito o seu ámbito xeográfico.