A veterana compañía teatral Chévere será a encargada de levantar o pano o mércores 14 de xullo co espectáculo ‘As fillas bravas e o mito de Casandra’.

Unha obra na que, dunha banda, tres mulleres maiores tratan de entender o cambio climático e facerlle fronte aplicando os saberes e a experiencia dunha vida longa no rural e, por outra, é unha obra con perspectiva de xénero á procura de personaxes femininas empoderadas, colocando o foco nunha muller afirmativa, autónoma, creativa e implicada na colectividade.

‘CON VOZ DE MULLER’

Aínda que a programación de verán ‘O son da rúa’ inclúe de forma transversal o enfoque de xénero de xeito que as mulleres artistas están presentes en todos os programas que se inclúen, tamén dedica un ciclo exclusivamente á visibilización da figura da muller nas artes escénicas e na música galegas.

Con esta filosofía chega ‘Con voz de muller’ á praza da Ferraría os días 14,15, 16, 17 e 18 de xullo, en sesións que comezan ás 22:00 horas e que inclúen dúas representacións teatrais e tres concentos.

O mércores 14 de xullo, Chévere representará o espectáculo ‘As fillas bravas e o mito de Casandra’ e o xoves 15 a compañía A Panadaría porá en escena a obra ‘Elisa e Marcela’.

Na fin de semana será a quenda da música e será a banda Tanxugueiras a que suba ao escenario da Ferraría o venres 16, seguida de Amparanoia o sábado 17 e pechará o ciclo Uxía o domingo 18.

Todas as sesións, ao igual que todas as actividades de ‘O son da rúa’, terán lugar na área aforada da praza e na que é de obrigado cumprimento as normas de seguridade vixentes por mor da actual situación sanitaria.