Como novidade, tralo anuncio por parte da Xunta de Galicia da restricción de aforos nos teatros e cinemas a 30 persoas, o Cineclube Pontevedra está traballando para poder desdobrar as sesións do mes e poder ofrecer dous pases de cada filme.

Polo de agora, de cara á semana que vén, ademais dos dous pases xa programados para luns e martes (o do martes comezará ás 20 h, debido á longa duración do filme e á incompatibilidade co toque de queda), temos xa confirmadas dúas matinés ás 11 h da mañá: mércores 11 para Estaba na casa, pero… e venres 13 para A aventura.

Os organizadores agardan con isto poder darlles cabida, na medida do posible, a todas as persoas usuarias do cineclube, así como evitar ter que cancelar a programación de novembro debido ao insostible da situación derivada das novas restriccións á cultura.

……….

Luns 23 | 20:00 h. | Teatro Principal

*A sesión comezará ás 20:00 h. se continúa o toque de queda ás 23:00 h. e ás 20:30 h. en caso de que se elimine ou estenda ás 00:00 h.

"VITALINA VARELA"

Pedra Costa, 2019, Portugal, 124 min., VOSG

Lingua orixinal: crioulo caboverdiano

Vitalina aterra en Lisboa tres días despois do funeral do seu marido Joaquim. Foi campesiña durante toda a súa vida en Cabo Verde e estivo agardando ese billete de avión máis de 25 anos para reunirse con el. No barrio ninguén a coñece, ninguén a conforta, a veciñanza desconfía. Pasa apesarada os días e as noites como un pesadelo, pechada na casa de Joaquim. Alí descobre a súa vida secreta, as cinsas da súa relación e a pobreza dun soño do que só quedan os cimentos.

Vitalina Varela está atravesada, coma os filmes anteriores de Costa (O quarto da Vanda, Juventude em marcha, Cavalo dinheiro) polas historias e as vidas da comunidade caboverdiana que habitaba o hoxe xa demolido barrio lisboeta de Fontainhas. Con ela asina outra obra monumental que vén de arrasar nos principais festivais internacionais: Locarno 2019 (Leopardo de Ouro, Mellor filme, Mellor actriz -Varela-), Xixón 2019 (Mellor filme, Mellor fotografía), Mar del Plata 2019 (Mellor director -ex aequo - e actriz -Ventura -), Chicago 2019 (Premio do Xurado, Mellor filme).

+info. en facebook.com/cineclubepontevedra/