Nove edicións transcorreron ata chegar esta celebración colectiva. Dezaoito artistas que puxeron a súa creatividade e esforzo á disposición dun público que se fixo fiel a esta cita do outono artístico pontevedrés, plantexando unha dinámica expositiva que afirmase ao Pazo da Cultura como un dos grandes espazos expositivos de Galicia, de enormes posibilidades dende a súa diversidade funcional, e que ten que seguir construíndose dende ese Lérez que nunca é barreira ou fronteira senón unión entre territorios físicos, pero tamén entre o creativo e o humano.

Manolo Dimas e Itziar Ezquieta, Teresa Brutcher e Ana Seoane, Eduardo Dios e Pancho Rodiño, Dolores Gálvez e Belén Padrón, Juan Moreno Badía e Juan Rivas, Rosa Úbeda e Yolanda Dorda, Falcon e Pousseu, Antón Sobral e Carmen Hermo, e Amelia Palacios e Álex Vázquez imaxinaron cada ano unha exposición nese interior na beira do río e puxeron de novo a súa creatividade a traballar para a mostra que acolle case 100 obras nas que o diálogo se convirte xa nunha conversa a varias voces.

Visita libre ata o 15 de novembro con entrada de balde no horario de apertura habitual. Os aforos e condicións das visitas estarán suxeitos ás normativas e restricións sanitarias vixentes en cada momento.

Visitas guiadas para público en xeral de aproximadamente 40min. de duración os mércores 21, 28 de outubro e 4 e 11 de novembro ás 20h. previa solicitude no correo comunicacion@pazodacultura.org facilitando o nome completo do interesado/a, un teléfono de contacto e a data na que querería asistir.

No caso de ser un centro escolar, bacharelato de artes, mestrado, etc. contactar igualmente co correo comunicacion@pazodacultura.org para estudar posibilidades en horario matinal, axustando sempre as visitas ao aforo permitico polas restricións vixentes.

• Data: 08 de outubro – 15 de novembro

• Horario: De martes a venres de 18 a 21h. Sábados de 12 a 14h. e de 18 a 21h. e domingos e festivos de 12 a 14h. Os luns, a sala permanecerá pechada.

• Lugar: Sala de Exposicións do Pazo da Cultura

• Entrada: de balde

+info. en pazodacultura.org