Poucos meses antes inaugurárase unha exposición antolóxica no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela, exposición que logo viaxaría ao Centro Cultural Conde Duque de Madrid, onde se inaugurou o 5 de decembro, co artista xa falecido. Esa circunstancia converteu aquela exposición no epílogo dunha das traxectorias máis brillantes da arte galega do século XX.

Con motivo do XXV aniversario do falecemento de Laxeiro, a Fundación Laxeiro inaugurará o venres, 23 de xullo, na súa sede en Vigo, a exposición titulada RECORDOLETERLORINTOREL, unha proposta do Colectivo NEG (Nova Escultura Galega) consistente nunha instalación na que o son ten especial importancia, realizada a partir dun texto de Laxeiro do mesmo título, no que o artista parodiaba o seu propio currículo con palabras inventadas, como crítica ao sistema da arte, que para el resultaba totalmente alleo á actividade creativa. O texto foi pronunciado por Laxeiro na compostelá Galería Torques, con motivo da inauguración dunha exposición súa, en 1978. Con esta exposición, a Fundación Laxeiro quere conmemorar o aniversario do falecemento de Laxeiro incidindo nunha das constantes da súa figura, como foi a defensa radical da súa independencia como artista e tamén, recordalo dunha forma que manteña viva a súa memoria, isto é, convidando a artistas do momento a reflexionar sobre a súa figura, retomando nesta ocasión, a relación da Fundación coa arte sonora, materializada no Festival internacional que organizou durante sete anos. A colaboración con Vertixe Sonora, retoma este compromiso que, no futuro, se materializará noutros proxectos.

Para este proxecto, o colectivo NEG está formado por Misha Bies Golas (Lalín, 1977), Alejandra Pombo Su (Santiago de Compostela, 1979), Jorge Varela (Allariz, 1971) e Diego Vites (O Grove, 1986).

Comisariado: Javier Pérez Buján

Presentación Aos medios: Venres, 23 de xullo de 2021, 11.00h. Coa presencia de: Abel Caballero, Presidente da Fundación Laxeiro; Carlos García-Suárez, Secretario Xeral do Padroado; Abel Losada, concelleiro de Cultura; Javier Pérez Buján, Director Artístico; Colectivo NEG

Inauguración: venres, 23 de xullo de 2021, de 18 a 21h. Debido á actual situación sanitaria, a inauguración consistirá na apertura da exposición para visita á mesma en quendas de oito persoas.