Salas frontais e Galería B3, 1º andar

Comisariado: Enrique Bordes

Produción: Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID) e Real Academia de España en Roma

O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, no ano da celebración do seu 20º aniversario, inaugura en España a exposición MARCO. Academia Roma. Processi 148, en coprodución coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e a Academia de España en Roma. A mostra, comisariada por Enrique Bordes, reúne un conxunto de obras e proxectos desenvolvidos polos 21 artistas que, na promoción 2020-2021, residiron no complexo conventual de San Pietro in Montorio, sede da Academia de Roma. Este proxecto poderá visitarse en Vigo dende o 10 de novembro de 2022 ata o 5 de febreiro de 2023.

MARCO. Academia Roma. Processi 148 reúne, nunha mesma exposición, proxectos de moi diversas disciplinas que van dende a pintura ao deseño de moda, pasando polas artes escénicas, fotografía, gravado, videoarte, literatura, música, mediación artística, escultura e gastronomía. É o resultado de meses de traballo, de concepción de ideas retroalimentadas e experiencias compartidas froito do programa anual de bolsas que convoca o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación a través da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), que formula unha presentación colectiva destes traballos en Italia e en España.

Camiño de 150 anos de historia, os creadores e investigadores que pasaron polos muros da Academia superan xa os 1.000 e, como dato relevante e histórico, esta edición que cumpre a 148, é a primeira que conta cunha presenza maioritaria de mulleres creadoras.

Durante estes meses, as salas do MARCO converteranse nun inmenso escaparate da creación contemporánea que permitirá ao visitante transitar por diversas linguaxes artísticas en diferentes espazos do museo.

Tomando a testemuña do Azkuna Zentroa Alhóndiga de Bilbao, a presenza desta exposición no Museo de Arte Contemporánea de Vigo certifica o compromiso da AECID e a Academia de España en Roma de continuar impulsando a idea de fomentar e difundir en diferentes lugares o resultado creativo dos artistas residentes en Roma.